Friday 22 de November de 2024

Completos varios dos percorridos xeolóxicos da semana polo proxecto de Cabo Ortegal


Na recta final de agosto, e superados xa os días con festas en cada esquina, semella que gozar do aire libre e do coñecemento xeolóxico do noso territorio volve coller pulo, habida conta de que varias das rutas programadas polos concellos do proxecto xa teñen completas as súas prazas. Son a das Praias das areas negras, a do Toelo, a do Cromo e a saída marítima de Rutas Cedeira prevista para este martes se o tempo o permite. Aínda queda sitio, porén, na Xeorruta do Limo do xoves pola tarde (Cariño) e na Xeorruta das Lavas (Ortigueira) programada para o venres pola mañá. O domingo non haberá percorridos, posto que o persoal técnico do proxecto estará centrado no proceso de avaliación por parte da Unesco, que comezará ese mesmo día ás 8 da mañá.

Martes 23 de agosto, 10:00h a 16:00h: Xeorruta da Praia das Areas Negras (Concello de Cedeira). PRAZAS COMPLETAS. Esta ruta é das que máis atención atrae a pesar da súa dificultade. Non é para menos, xa que á espectacular paisaxe da zona úneselle o argumento de que os areais de Teixidelo están considerados os únicos de area negra non volcánica do mundo. O boca a boca e a difusión fixeron que nos meses centrais do verán sexa tarefa pouco menos que imposible reservar data para un itinerario que oferta un máximo de 15 prazas e que xa está completo desde hai días.

Recomendamos visitar a central de reservas para tentar coller praza nas seguintes datas programadas e insistimos en que tanto esta xeorruta como a do Granate son itinerarios de certa dificultade e con tramos perigosos que cómpre facer na compaña de persoas que coñezan ben o terreo e sempre con boas condicións atmosféricas.

Mércores 24 de agosto, 16:30 a 20:30h: Xeorruta do Toelo (Concello de Moeche). PRAZAS COMPLETAS. Facendo este percorrido poderá coñecerse de primeira man un dos materiais ornamentais máis exclusivos que temos en Galicia, a serpentina ou toelo. Estas rocha, cunha fermosa cor verde -de aí o nome de serpentina-, foi obxecto de explotación dende o século XIX en canteiras do concello de Moeche e San Sadurniño.

Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo (cruceiros, linteis, hórreos, escaleiras, etc.) poderán visitarse e contemplarse nesta xeorruta, que inclúe a entrada no castelo medieval e a subida ao monte da Caleira, de onde se sacou toelo como elemento construtivo e como materia prima para a industria siderúrxica. Cómpre atenderlle á central de reservas por se quedase libre algunha vacante debido a cancelacións de última hora, que se actualizan automaticamente na web.

Xoves 25 de agosto, 10:00 a 14:00h: Xeorruta do Limo (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas. Esta ruta polo macizo do Limo permitirá descubrir formacións rochosas moi singulares que co paso do tempo foron adquirindo formas sumamente curiosas e rechamantes.

Isto, unido a que o percorrido discorre polos cantís máis verticais da Serra da Capelada, farán desta visita xeolóxica unha oportunidade única para coñecer a zona lindeira co corte costeiro de Herbeira, máis elevado pero menos pendente.

Venres 26 de agosto, 10:00 a 14:00h: Xeorruta das Lavas (Concello de Ortigueira). Máximo 20 prazas. Esta ruta achéganos aos fenómenos volcánicos que sucederon no pasado e que quedaron reflectidos nas rochas do borde norte do proxecto. Nas inmediacións da pequena vila mariñeira de Espasante atópase un excepcional conxunto de materiais que foron orixinados por erupcións submariñas hai máis de 400 millóns de anos baixo o océano Rheico.

Na andaina veremos o resultado do seu enfriamento e tamén poderán ollarse estruturas xeolóxicas que evidencian a alta deformación que sufriron as rochas desta zona que hoxe é territorio de Ortigueira.

Venres 26 de agosto, 16:00h: Xeorruta marítima con Rutas Cedeira. Mínimo 8 e máximo 12 prazas. (50€/p) A ruta marítima organizada pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira ten completo o cupo do martes 23 e está a puntiño de completarse tamén o do venres 26 pola tarde. Partindo do peirao vello de Cedeira percórrese a costa do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal até Os Aguillóns descubrindo como se formaron os cantís máis altos da Europa continental e tamén outras peculiariedades da paisaxe que, vistas desde o mar, cobran unha nova dimensión.

As reservas deben efectuarse no teléfono 722 615 382. O prezo son 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas ao estado do mar. A seguinte que organizan é o luns 29 de agosto ás 16:00h.

Sábado 27 de agosto, 10:00 a 14:00h: Xeorruta do Cromo (Concello de Cedeira). PRAZAS COMPLETAS. Partindo do Cruceiro de Teixidelo iremos bordeando a costa até Herbeira. Unha zona espectacular polas vistas, pero tamén por ser paraíso das rochas ultramáficas e de materiais como a cromita, a magnetita, a morenosita, a zaratita ou a andradita. No percorrido pararemos en puntos onde, ademais de minerais ricos en cromo, tamén se atoparon acumulacións de platino. A visita tamén permite apreciar unha falla que fende toda a Serra da Capelada. Cómpre atenderlle á central de reservas nos días previos por se quedase algunha praza libre.