O Concello de Moeche tamén finaliza o sábado ás 17:00h o programa de visitas teatralizadas “O castelo non é para nós”
Rematou o Irmandiño. Centos de persoas participaron esta fin de semana no regreso do festival ao seu formato habitual, que tivo no asalto da noite do sábado un dos seus momentos máis agardados dos últimos dous anos. Porén, as actividades relacionadas coa fortaleza proseguen dentro duns días. O Concello de Moeche organiza un percorrido entre os castelos de Naraío e Moeche que se desenvolverá na tarde deste venres (16:00h) guiado polo técnico de Turismo Ramón Carballeira, bo coñecedor de ambas fortalezas e da súa historia compartida, sobre todo o capítulo referido ás Revolucións Irmandiñas de finais do século XV. O percorrido ten un prezo de 5€ e fai falla inscrición previa a través do 981 404 006 ou do correo turismo@moeche.gal. Nesas dúas vías de contacto tamén se poderá reservar entrada (5€) para “O castelo non é para nós”, o ciclo de visitas teatralizadas da man de Pedro Álvarez de Osorio e Beatriz de Castro que remata este sábado 27 ás 17:00h.
O itinerario do venres pola tarde farase en coche saíndo de Naraío con destino a Moeche e facendo varias paradas en localizacións destacadas polo seu valor patrimonial e histórico, de maneira que esta proposta será tamén unha magnífica oportunidade para descubrir ou comprender mellor o medievo galego, unha época de transición que trouxo canda si grandes cambios sociais e culturais.
Así, tras visitar a torre e os muros que se erguen nun rochedo do lugar do Castelo, en Naraío, a expedición baixará até a ponte da Ferraría, gardada nun dos seus lados pola figura dun xabarín (o “porco” da ponte) ou oso de pedra, símbolo da casa dos Andrade. Tamén se verá o paso sobre o río Castro, de arco gótico e, segundo se cre, construído no século XIV.
O seguinte punto que se visitará será o Pico de Ferreira, situado a medio camiño case en liña recta entre ambos castelos, onde a tradición e algúns escritos falan da existencia dunha construción relixiosa da que hoxe non queda máis vestixio que un sartego sen lápida esculpido na rocha, coñecido popularmente como “a cama do Santo”, San Vicente.
A lenda conta que trala construción da igrexa de San Paio, ao pé do pico, o santo adoitaba fuxir todas as noites para ir durmir ao seu cume… ata que a veciñanza decidiu impedirllo encadeando a súa imaxe. A tradición tamén se refire ao Pico de San Vicente como lugar máxico para a curación de males do corpo -disque meténdose no sartego pasan as dores de moas- e do espírito, ademais de ser avegoso da saúde do gando.
Desde o pico divísase todo o val de Moeche e, ao fondo, o castelo. A expedición emprenderá na última parte da tarde camiño cara ao fortín, asaltado o pasado sábado no marco do XLIII Festival Irmandiño que rememora con música e actividades culturais a segunda grande revolta campesiña e fidalga do século XV.
O percorrido turístico e histórico, que conta coa colaboración do Concello de San Sadurniño, ten un prezo de 5€ -haberá que pagar ao inicio da ruta- e require inscrición previa chamando ao 981 404 006 ou mandando un correo a turismo@moeche.gal.
“O castelo non é para nós” o sábado
As propostas relacionadas co castelo e coa nosa historia continuarán o sábado 27 a partir das 17:00h coa última das visitas teatralizadas “O castelo non é para nós” que interpretan Raquel G. Crespo e Yago Espasandín como Beatriz de Castro e o seu esposo Pedro Álvarez de Osorio, Conde de Lemos.
Nesta peza de humor con base na historia, a parella nobre organizará unha festa de reinauguración do castelo despois de ser derrubado e volto a construír como castigo polos propios irmandiños que lle causaran graves danos. Con todo, a celebración non vai saír como ambos consortes pensan.
Para a obra -que é moi participativa- pódense reservar entradas no 981 404 006 ou no correo turismo@moeche.gal. Teñen un prezo único de 5€ para maiores de seis anos.
Informamos, ademais, de que a Xeorruta do Toelo prevista inicialmente para o próximo domingo 28 vai adiantarse a este mércores 24 de agosto co mesmo horario (16:30 a 20:30h). As reservas deben facerse a través da web proxecto.xeoparquecaboortegal.gal. O cambio débese a un reaxuste no calendario para acomodar nel a avaliación do proxecto por parte da Unesco que se desenvolverá do 28 ao 31 de agosto. A mudanza aféctalle tamén á Xeorruta dos Aguillóns, que pasará para o sábado 3 de setembro.