Thursday 21 de November de 2024

A Festa do Pan regresa ó calendario de Neda o primeiro domingo do mes de setembro


O Concello avanza o cartel, obra do ilustrador local Carlos García, e o programa, que inclúe os postos de venda, o xantar popular e concertos

A Festa do Pan de Neda regresa este ano ó calendario festivo da comarca con forza. A 32ª edición celebrarase o primeiro domingo de setembro, como marca a tradición, no paseo marítimo, e esta mañá o Concello avanzaba o cartel, obra do ilustrador local Carlos García, e o programa da cita, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Como panaderías participantes, acudirán Panificadora Germán, Modesto Hermida, Paca Castro Romero e Santa Rita, e como despachos colaboradores contarase con J. Castro Hermanos, La Gallega e Vda. de Romero.

Así, o 4 de setembro, os postos de venda de pan, empanadas e doces abrirán a partir das 10 horas, coincidindo tamén coa apertura do mercado de artesanía. A partir das 11 horas, o público poderá desfrutar do concerto de Berros do Castro, e ás 12 horas dará comezo o concurso de empanadas. Ás 13 horas, celebrarase o pregón a cargo da escritora nedense Sara González Veiga, e ó remate, entregaranse os premios do certame de empanadas. Media hora más tarde, ás 13:30 h, sesión vermú amenizada polo grupo Cachas&Cousins, e a partir das 14 h, xantar popular.

O menú inclúe pan, empanada, arroz, churrasco, bebidas, doces e café ó prezo de 20 euros.
A música regresará ás 15:30 horas coa charanga Os Charangos, e xa pola tarde, os máis pequenos e pequenas da casa poderán participar nun Obradoiro de elaboración de pan -ás 17 horas-. Tamén para nenos e nenas está pensada a seguinte actividade: o espectáculo de circo e clown Circanelo, de Fredi Muíño, ás 18:30 horas. E, finalmente, broche musical de ouro para a Festa co concerto de Luar na Lubre, a partir das 19:30 horas.

RUTA DOS MUÍÑOS
Así mesmo, no marco da programación deseñada polo Concello con motivo da Festa do Pan, e incluídas no proxecto “Descubrindo Neda”, convidarase a veciños e visitantes a tomar parte na Ruta dos Muíños do Río Belelle. Programaranse 2 percorridos, un previo á festa, previsto para o mércores 31 de agosto, e un posterior á cita, fixado para o 7 de setembro. A participación será gratuíta, pero con reserva de praza o luns e martes precedentes ás rutas. Para o primeiro, no teléfono da Casa da Cultura: 981 39 02 33 (de 9 a 13 h), e para o segundo, no do albergue: 682 623 335 (de 12 a 19 h) ou correo maría.fornos@neda.gal.