Saturday 16 de November de 2024

O Concello abre mañá o prazo de solicitude de subvencións para asociacións e outras entidades de ámbito municipal


O Concello de Narón convoca un ano máis as subvencións para asociacións e outras entidades de ámbito municipal, dirixidas a actuacións e programas realizados durante este ano e encamiñadas a promover e dinamizar a participación activa da veciñanza no tecido asociativo en diferentes áreas. A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, anunciou que se poderán solicitar a partir de mañá –e durante os vindeiros quince días hábiles, – coa documentación correspondente a través da Sede Electrónica do Concello.

As asociacións e institucións de carácter social e entidades sen ánimo de lucro que soliciten estas subvencións deben estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás do Concello, ter os seus datos actualizados no momento de presentar a solicitude e debidamente xustificadas as axudas ou subvencións concedidas en anos anteriores polo Concello. Así mesmo, deben cumprir o resto de requisitos que se establecen no artigo 3 da Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello de Narón.

As áreas nas que deben traballar as asociacións e entidades solicitantes son: Socioeducativa, Sociocultural, Igualdade, Persoas con Discapacidade, Persoas con drogodependencias, Infancia, Inmigración, Minorías étnicas, Atención ás persoas maiores, Participación cidadá, Mocidade, Medioambiental e Saúde, tal e como se especifica nas bases recollidas na Sede Electrónica do Concello.