Sunday 24 de November de 2024

A Xunta formou máis de 2.400 persoas en seguridade laboral durante o primeiro semestre de 2022


― O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) organizou 33 accións de formación e información para facer fronte ás demandas técnicas e de seguridade e saúde laboral

― Os beneficiarios dos cursos ofertados foron tanto traballadores consolidados nos seus respectivos sectores como alumnos en centros de formación profesional

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), facilitou a formación de máis de 2.400 persoas durante o primeiro semestre do ano. O programa desenvolvido polo Goberno galego a través de 33 accións tiña como obxectivo atender ás demandas e necesidades neste eido, así como dar resposta ás novidades técnicas e normativas.

Así, a Administración galega levou a cabo diversas xornadas enfocadas principalmente na saúde dos traballadores, como a saúde mental, os riscos durante o embarazo e período de lactación ou relacionada coas posibilidades tecnolóxicas (smartphone e teletraballo). Estas actividades en materia de seguridade e saúde laboral organizáronse en formato webinar, polo que asistiron máis de mil persoas de toda Galicia nun total de sete xornadas diferentes. Entre elas destacaron a xornada dedicada ás inspeccións de traballo sobre os riscos psicosociais con 366 participantes e o webinar sobre saúde e teletraballo con 238 asistentes.

Ademais, organizáronse dúas xornadas técnicas aproveitando o Previsel (Salón da prevención e seguridade laboral) de Ourense, onde cada ano os profesionais do sector intercambian coñecementos e achegan as últimas innovacións. Nomeadamente presentáronse dúas campañas sobre o uso da amoladora e do risco químico nos salóns de peiteado con máis de 175 asistentes.
Así meso, o Issga tamén realizou cursos presenciais ao longo de toda a xeografía galega para mellorar as condicións de seguridade e saúde no traballo e nos que os destinatarios foron aqueles sectores con especial sinistralidade ou risco. En todo caso, a Xunta dirixiu esta formación principalmente a pemes, micropemes e persoal por conta propia.

Durante o primeiro semestre realizáronse dúas edicións do curso en prevención de riscos laborais na axuda a domicilio e atención á dependencia e unha edición do ciclo do risco químico nos salóns de peiteado. Ambos ciclos están conformados por oito cursos, polo que as actividades continuarán por diferentes localidades nos seguintes meses. Ata a data, máis de 45 alumnos e alumnas tomaron parte nestas accións formativas.

A Xunta tamén está a desenvolver unha ampla campaña centrada no sector primario, focalizando esforzos na seguridade no ámbito forestal. Por iso, deuse inicio ao ciclo de cursos dirixido a profesionais sobre o manexo da rozadoira e motoserra, que conta con outras cinco edicións; e xa se celebraron catro dos seis cursos dirixidos a alumnos de formación profesional no sector sobre a prevención de riscos co uso de técnicas innovadoras como a gamificación e o aproveitamento do uso de aplicacións móbiles. Entre ambos, unhas 70 persoas formáronse en seguridade laboral no sector forestal.

En relación aos alumnos do sector agrario e gandeiro, o Issga colaborou co Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) para a realización de 13 xornadas informativas repartidas polos centros de FP das catro provincias galegas sobre o uso do tractor. A campaña quixo sensibilizar aos futuros profesionais, un total de 369 alumnos, sobre a necesidade de facer un uso seguro desta máquina, protagonista en gran parte dos accidentes nas explotacións, e provela de estruturas de protección e cintos de seguridade.

Tamén se desenvolveron tres edicións dos cursos de prevención de riscos laborais a nivel básico, que incluía un apartado especial desde a perspectiva de xénero. Estas actividades acadaron unha alta demanda e 660 alumnos superaron a formación. Para o segundo semestre, o Issga ofertará 400 prazas para dúas edicións máis deste curso, un deles específico para persoal traballador autónomo.
Nos próximos meses, continuarán as actividades dos ciclos que xa comezaron no primeiro semestre de 2022. Ademais, engadiranse novas accións formativas como un curso para a prevención de traballos con amianto coa celebración de oito edicións nos meses de setembro e outubro.

Con todo este plan de actuación, a Xunta pretende instaurar unha cultura de prevención de riscos en aqueles sectores que presentan unha especial sinistralidade ou perigo a través de actividades formativas e informativas para actuais e futuros profesionais. A promoción da seguridade e saúde no traballo ten como obxectivo final a mellora das condicións laborais.