Saturday 16 de November de 2024

Román Rodríguez anuncia que a Xunta porá en marcha unha Film Commissión para consolidar Galicia como plató de cine


— Esta nova plataforma do Hub Audiovisual funcionará como escaparate para que os profesionais do sector ofrezan os seus servizos e atopen os recursos que precisan

— A Consellería subvenciona a segunda tempada da serie, que implicará un gasto de máis de 5M€ na nosa Comunidade, a través do fondo para a atracción de rodaxes

— Na súa aposta pola industria audiovisual galega, o Goberno autonómico destina máis de 7,2M€ este ano través das sete liñas de apoio xa convocadas

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, vén de anunciar a próxima posta en marcha por parte da Xunta da plataforma Galicia Film Commission como ferramenta dixital ao servizo das empresas e profesionais do audiovisual “para continuar captando rodaxes que xeren riqueza e emprego e que promocionen a industria cultural galega”. Esta nova medida do Hub Audiovisual da Industria Cultural busca consolidar a nosa Comunidade como plató de cinema e televisión e, como sinalou o conselleiro, avanza na decidida aposta do Goberno galego nos últimos anos a prol da recuperación e impulso deste sector.

O titular de Cultura fixo este anuncio na súa visita ao set de rodaxe da segunda temporada de Operación Marea Negra na Fábrica de Armas da Coruña. A segunda temporada desta serie de Ficción Producciones para Prime Video conta cunha subvención de 350.000 euros a través da segunda quenda do fondo para a atracción de rodaxes, outra das iniciativas do Hub Audiovisual encamiñadas a converter Galicia nun escenario habitual de producións cinematográficas e televisivas.

A Galicia Film Commission, cuxo desenvolvemento e mantemento se atopa en fase de licitación por un importe de case 400.000 euros, porá en valor toda a cadea da industria audiovisual galega con novas ferramentas e utilidades para que os profesionais deste ámbito poidan ofrecer os seus servizos e atopar os recursos que precisan. Ao tempo, facilitarase o intercambio e o traballo conxunto entre o sector público e o privado, e lograrase unha maior proxección exterior da imaxe de Galicia e do noso audiovisual.

Román Rodríguez, que estivo acompañado polo director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, incidiu no reforzo do investimento da Xunta no audiovisual galego, destinatario no que vai de ano de sete convocatorias de axudas dotadas con máis de 7,2 millóns de euros, dos que xa están adxudicados máis de 4,7 millóns de euros a 85 proxectos, tanto a través do programa anual de subvencións do departamento de Industrias Culturais como dos fondos europeos do Hub Audiovisual e do programa Next Generation EU Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia.

Consolidación e crecemento do sector
A través desta inxección económica estase a apoiar non só a reactivación do sector, senón tamén a súa consolidación e crecemento a medio e longo prazo, acompañando as empresas galegas en todas as etapas do proceso audiovisual: desde a promoción do talento na creación e as fases de preprodución, rodaxe e posprodución ata a súa difusión, comercialización e exhibición.

Dáse así resposta a un sector que, en palabras do conselleiro, “ten cada día maior potencia e un cariz máis internacional”, ademais de estar fortemente profesionalizado. Sinalou, así mesmo, que o “altísimo nivel” das produtoras galegas está a xerar tamén riqueza para o país, como reflicten, por exemplo, os resultados da primeira quenda de axudas para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais, que levan aparellado un compromiso de gasto mínimo en Galicia por parte das beneficiarias (Rapa e Argonautas, de Portocabo; Hasta el cielo, de Vaca Films, e 13 Exorcismos, de Bambú Producciones), cun retorno superior aos 15 millóns de euros nas áreas nas que se levaron a cabo as gravacións e arredor de 250 postos de traballo en cómputos anuais

Pola súa banda, a segunda temporada de Operación Marea Negra é o primeiro título subvencionado a raíz da segunda convocatoria deste fondo para a captación de rodaxes, cunha achega de 350.000 euros e unha previsión de gasto na Comunidade duns cinco millóns de euros, ao que acaba de sumarse tamén a película Amigos hasta la muerte, con 279.000 euros.

Rodaxe na Coruña
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o avance da gravación desta miniserie, que lle dá continuidade á estreada por Amazon Prime a finais do pasado mes de xaneiro sobre o caso real do primeiro narcosubmarino interceptado en Europa. Acompañárono nesta visita parte do equipo da segunda temporada de Operación Marea Negra, encabezado pola produtora executiva, Mamen Quintas; o director, Daniel Calparsoro, e o actor protagonista, Jorge López, coñecido do gran público polas súas interpretacións nas series Élite e Now and Then.

Ficción Producciones asóciase coa compañía portuguesa Lightbox Comunicaçao Audiovisual para coproducir esta segunda temporada, que conta tamén con outras novas incorporacións, como Óscar Jaenada, Esther Acebo, Soraia Chaves e Patricia Vico ou o galego Miguel de Lira. Ademais, volverase contar con gran parte do reparto da temporada pasada, entre o que se atopan os tamén galegos Xosé Barato, Nerea Barros, Miquel Insua, Luis Zahera ou Manuel Manquiña.

O equipo , que comezou a rodaxe o pasado 20 de xuño na localidade ribeirense de Palmeira, traballará na gravación dos cinco episodios da segunda temporada de Operación Marea Negra ao longo de 12 semanas, das que 10 están a ter lugar en diferentes localizacións de Galicia, principalmente na ría de Arousa e na área compostelá, e outras dúas en Portugal.