Unha das citas máis agardadas do verán para a sociedade pobrense regresa hoxe tras a parada ocasionada pola COVID-19. Trátase do Carme dos Pincheiros, que enche a vila de música e ledicia do 19 ao 22 de agosto.
Os xigantes e cabezudos volveron desfilar polas rúas, animando o ambiente ao ritmo de Trécola, sumándose máis tarde ao espírito festivo a charanga Os Santiaguiños.
Membros da corporación municipal, representantes da comisión de festas e veciñanza asistiron a última hora da tarde ao pregón que se ofreceu dende o balcón da casa consistorial a cargo de Cristina Fernández, xefa de Medicina Preventiva da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza xunto con parte do seu equipo.
O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), tivo palabras de agradecemento para todo o persoal sanitario polo esforzo extraordinario realizado para frear a pandemia e fixo mención especial á disposición amosada dende o referido servizo por atender as peticións e consultas efectuadas dende a Administración local, ademais de organizar as cribaxes que se practicaron en distintos sectores da poboación coa finalidade de detecta-los contaxios e así frea-lo seu avance. E, por suposto, tamén quixo poñer en valor o inmenso traballo levado a cabo pola comisión de festas, representada por Jean Louis Vaiarello, presidente; Jesús Maneiro, vicepresidente; e Marta Fernández, vogal. Todos eles desexáronlle a veciñanza e visitantes que desfruten dos festexos e recordaron ao seu compañeiro Juan da Banda, xa falecido.
Pola súa parte, a pregoeira manifestou que este tipo de recoñecementos contribúen a visibiliza-la sanidade pública e a tódolos profesionais vinculadas á mesma, especialmente neste 2022 que se conmemora o 50 aniversario do servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. “Seguiremos traballando por facer da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza a mellor, tomando como exemplo aos mariñeiros que se dedicaban á arte da pesca do pincho.” Quixo lembrar tamén a crueza coa que tocou “surfear as ondas” do coronavirus nas que, tirando de retranca galega, dixo que foi un momento de “tocar moito as narices.” E agora toca desfrutar “con sentidiño.” Tralo acto procedeu coa sinatura no libro de honra do Concello.
Previamente, na igrexa de Santa María a Antiga do Caramiñal oficiouse a imposición de escapularios aos novos confrades para dar paso á misa solemne por tódolos compañeiros falecidos, cantada pola coral Lauda Sion.
A noite estará amenizada polo Grupo de Danzas sevillano Al-Saraf e Chocolate Disco Móvil, na praza Alcalde Segundo Durán.
A celebración continuará nos vindeiros días cunha programación protagonizada polos xigantes e cabezudos, as cuantiosas sesións musicais, os San Juerguines, os actos relixiosos, as actividades de lecer para as crianzas, e a gran queima de fogos de artificio e o combate naval que serán o colofón a catro xornadas de festa.