Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño decláralle a guerra aos carteis sexistas


Cando alguén decide casar e o anuncia, xa sabe de antemán que cabe a posibilidade de que nos días previos ao enlace aparezan carteis a xeito de recordatorio pendurados en postes da luz, colocados en ribazos ou en calquera outro espazo polo que pasen a diario as persoas contraentes. Os carteis son unha broma que non sempre se expresa da maneira máis acertada e que en moitas ocasións conteñen mensaxes sexistas ou que menoscaban a dignidade das mulleres. Un dos últimos exemplos apareceu esta semana na rotonda do Outeiro, en San Sadurniño. Non imos reproducir o seu contido, abonda con dicir que o texto facía unha alusión á situación de explotación sexual na que se atopan moitas mulleres. Razón máis que suficiente para que o Concello o retirase esta mesma mañá.

Non é a primeira vez que a rotonda do Outeiro, a máis transitada do municipio, é utilizada como soporte de pequenas e grandes pezas de tea anunciando próximos casamentos. Aquí, en San Sadurniño, e en todos os lados, os carteis adoitan conter mensaxes dirixidas a unha ou ás dúas persoas prometidas -na súa maioría bromas e chanzas referidas a situacións que ambas coñecen-, ademais da data en que celebrarán as nupcias.

Porén, unha parte deles tamén conteñen ás veces referencias abertamente machistas que “contribúen a perpetuar estereotipos de xénero que cómpre eliminar da sociedade”, explica a concelleira de Igualdade, Araceli Bellas. “A liberdade de expresión é un dereito que temos todas e todos nós, pero o Concello non pode permitir que se colguen nos espazos públicos pancartas que atenten contra a dignidade feminina nin de ningún outro colectivo”, argumenta.

A concelleira engade que o Concello de San Sadurniño “ten un compromiso firme coa igualdade entre mulleres e homes en todos os ámbitos”, expresado nos sucesivos plans de Igualdade de Oportunidades ou en proxectos como O Lavadoiro, que acaba de crear unha rede de mulleres facilitadoras para apoiar ás vítimas do maltrato, ademais dun grupo de homes comprometidos cunha nova masculinidade “que deixe atrás o modelo patriarcal e, por suposto, que sexa proactiva axudando a erradicar mensaxes e comportamentos que atenten contra a dignidade colectiva e individual das mulleres”.

Bellas insiste en que desde o Concello “poremos toda a atención” para que carteis coma o aparecido esta semana no Outeiro “non permanezan nin un minuto en ningún lugar de titularidade pública”. A concelleira tamén reiterou o empeño do seu departamento en “seguir concienciando para que estas situacións non se repitan, nin nos entornos públicos nin nos privados”.

A concelleira mencionou por último, que o cartel retirado hoxe da rotonda do Outeiro non foi destruido, senón que se encontra gardado na nave do servizo de Obras. “Quen o colocou pode solicitar que se lle devolva se o quere recuperar, non temos interese en quedar con el”.