Aforo completo no acto celebrado esta mañá na Casa da Cultura coa familia do homenaxeado, os integrantes da corporación municipal e demais público en xeral
O Concello de Lousame ven de conceder, con carácter póstumo, o título de fillo predilecto a Don Ramón Queiro Filgueira. A decisión foi aprobada pola corporación municipal no pleno celebrado en abril deste ano.
A Casa da Cultura encheu o seu aforo esta mañá co motivo da homenaxe ao arquitecto de Lousame. No mesmo participaron a alcaldesa, Teresa Villaverde e a familia de Queiro Filgueira. Tamén estiveron os membros da corporación municipal e veciños de Meixonfrío (aldea natal de Queiro Filgueira) e Merelle.
Esta conmemoración ía facerse fai dous anos, pero pola pandemia, non puido celebrarse. Así, o explicou a alcaldesa, Teresa Villaverde: “Houbérame gustado facelo cando este “neno da aldea” vivía, pero lamentablemente a pandemia atrasou as cousas”. No seu discurso, a rexedora, visiblemente emocionada, definiu a Ramón Queiro Filgueira como “un home bo, familiar e afable, que sempre tivo presente o seu Lousame e que todo o gañou por méritos propios”. Neste eido, o arquitecto “siempre que podía, en conversaciones públicas y privadas, sacaba a Galicia y a su Lousame” explicou o seu fillo Ramón Queiro, quen engadiu “en este acto hemos sentido la presencia de mi padre en todas las esquinas”. Tamén presente estivo a viúva de Queiro Filgueira, María del Carmen Quijada, quen recibiu unha placa conmemorativa, un pergamiño e un ramo de flores das mans da alcadesa.
O nomeamento como fillo predilecto a Ramón Queiro Filgueira finalizou con música a cargo de Fernando Troján. O músico tocou ao piano unha versión da Rianxeira, canción que lle gustaba moito ao homenaxeado. Por último, na Casa da Cultura soou o Himno de Galicia.
Ramón Queiro Filgueira
Nado en Meixonfrío, na parroquia de Tállara en Lousame, Ramón Queiro Filgueira rematou a súa primeira formación na escola rural de Vilar de Tállara. Un feito que coincidiu coa fundación do Instituto Laboral de Noia, no que seguiu a súa formación, acadando nesta institución o Título de Bacharelato no ano 1959 formando parte da primeira promoción e obtendo a cualificación de Sobresaínte con Premio.
A comezos do curso 59-60 marcha a Madrid, para estudar Aparelladores e mentres cursa estes estudos e compatibilizando os mesmos, ingresa por oposición na Escola Politécnica do Exercito e, tras realizar o correspondente curso de especialización, é promovido ao cargo de Alférez Proxectista.
Dende setembro de 1964 ata setembro de 1966 reside en Palma de Mallorca exercendo como delineante proxectista no Rexemento Mixto de artillería nº 91 de Palma e como aparellador do Concello de Capdepera.
Chega a Sevilla a finais de 1966 para estudar Arquitectura accedendo a dita titulación en 1972. Dous anos antes (1970) comeza a súa colaboración co profesor arquitecto D. Rafael Manzano Martos o que lle permite a Don Ramón intervir na restauración dos mais importantes monumentos da Baixa Andalucía e consolidar definitivamente a súa vocación.
Para o curso 72 -73 concédeselle unha Beca na Academia Española de Belas Artes de Roma, realizando o Curso Internacional sobre a conservación e restauración dos monumentos nos centros históricos e, ao mesmo tempo, asiste á docencia de especialización na Facultade de Arquitectura, obtendo en 1976 o título de “Specializzazione per lo Studio ed il Restauro dei Monumenti”. Tras a súa etapa en Italia, volta a España e incorpórase á docencia na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Sevilla compatibilizando co seu traballo como arquitecto colaborador da Dirección Xeral de Belas Artes, destacando neste período (73-79) as actuacións feitas no Conxunto monumental de Arcos, Castelo de Olvera, Murallas de Ronda, Tarifa e Estepa, así como nos conventos das Carmelitas de Utrera, na igrexa de San Martín e o convento Madre de Deus de Sevilla. No ano 1979 abre despacho, de arquitectura “Estudo QUEIRO, arquitectos, deseñadores, construtores e pensadores de Sevilla” que opera nos campos da arquitectura, o urbanismo, a rehabilitación, a investigación e a docencia. O exercicio privado da súa profesión, permítelle realizar os cursos Básico e Superior de Urbanismo (80-81) no Instituto de Desenrolo Rexional e da Dirección Xeral de Administración Local, obtendo o diploma de Técnico Urbanista.
Tamén realiza os cursos de Doutorado e de investigación, alcanzando o título de Doutor Arquitecto coa cualificación de Sobresaínte “Cum Laude” no ano 1984. En 1987 e nomeado profesor titular de Urbanística e Ordenación do Territorio da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Sevilla. As obras mais destacables nas que participou nestes últimos anos foron, entre outras, a restauración do Pazo “Recreo das Cadenas” en Xerez e en Sevilla a restauración e rehabilitación do antigo Pazo dos Duques de Arcos, do Convento dos Terceros e Pazo dos Ponce de León, (hoxe sede EMASESA), que obtivo o Premio “Hispania Nostra” en 1990.
Foi Catedrático de Urbanística e Ordenación do Territorio da Universidade de Sevilla, Presidente do Colexio de Arquitectos de Sevilla e do Consello Andaluz de Colexios de Arquitectos. Ingresou na Real Academia de Belas Artes de Santa Isabel de Hungría en 1995, ocupando a praza de Académico Numerario que ostentaran figuras tan destacadas como Galnares Sagastizábal e Juan Talavera.
Nunca olvidou as rúas raíces e dende a súa chegada a Sevilla, colaborou con “Lar Gallego de Sevilla”. A súa militancia como galego foi merecedora do premio “Anduriña de Plata” que lle foi entregado en 1995, e no que reza: “Don Ramón Queiro Filgueira, Arquitecto, Artista y gallego ilustre”.