O deporte tomará as rúas da Pobra do Caramiñal no 26 de agosto nun día dedicado ás distintas disciplinas e a fomenta-la actividade física nas novas xeracións, segundo explica a titular desta área, Genoveva Hermo (Nós Pobra). A acción focalizarase na praza Alcalde Segundo Durán, nas pistas do Castelo e no pantalán fronte ao Club de Remo Puebla, en horario de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas.
Dirixido a crianzas con idades comprendidas entre os 7 e 12 anos, impartiranse as seguintes modalidades da man de clubs locais e monitorado da Concellaría dos Deportes: atletismo, fútbol 3×3, baloncesto 3×3, remo, artes marciais, xadrez, tenis, tenis de mesa, bádminton, voleibol, hóckey e acrobacias, ademais de divertidos xogos.
A participación é de balde e non se require a inscrición previa.