A Concellaría da Cultura e a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra do Caramiñal suman forzas e lanzan unha nova cita que se concentrará na última fin de semana de agosto e terá como escenario a praza Alcalde Segundo Durán. A titular desta área, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e Manuel Sobral, director da mencionada entidade melódica, explican que no día 26, ás 22.00 horas, ofrecerán a actuación De tradición xunto con Suso Vaamonde, quen complementará os instrumentos da banda con outros propios do folclore galego, e darase unha explicación deles, polo cal tamén terá unha vertente didáctica.
A programación proseguirá na xornada do día 27, a partir das 20.00 horas, co prato forte do cartel: o VI Festival de Bandas, que se retoma tras dous anos de parada pola pandemia. Contará coa participación da Banda de Coruxo, da Banda de Tenorio e do Ateneo Musical da Pobra.
E o evento chegará á súa fin no día 28, das 21.00 horas en diante, co Concerto de película, a cargo da propia sociedade musical pobrense, que interpretará un total de catorce pezas sonoras de diversos filmes xunto cun soporte visual, creando así un ambiente especial.
A edil trasladou o compromiso do Concello con este tipo de citas para diversifica-la oferta cultural ao tempo que se apoia e fortalecen as entidades que traballan a prol deste sector, pois constitúen tamén uns axentes dinamizadores das actividades de lecer no municipio. Con relación a isto, puxo a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra do Caramiñal como un claro exemplo, pois durante todo o verán tivo unha participación elevada e demostra todo o esforzo extraordinario realizado durante os dous anos previos.
Doutro lado, o director da banda pobrense puxo en valor o compromiso das familias e da rapazada por tódalas horas de traballo e esforzo.
O acceso a todas estas sesións é libre ata completa-la cabida.