Saturday 16 de November de 2024

A aula CeMIT de Ortigueira acollerá o Programa Steam para favorecer o uso creativo e igualitario da tecnoloxía entre os mozos


• O curso terá lugar os días 25 e 26 de agosto en horario de 10:30h a 13:30h

• Haberá dúas quendas divididas por idade, un para mozos de 8 a 11 e outro para as idades comprendidas entre os 12 e os 15 anos

O CeMit do Concello de Ortigueira acollerá os días 25 e 26 de agosto o Programa Steam, organizado pola Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Este curso pretende motivar e favorecer o uso creativo e igualitario da tecnoloxía entre os mozos, tentando acabar cos estereotipos.

Están establecidos dous grupos en función da franxa de idade, en horario de 10:30h a 13:30h. No primeiro inclúense os comprendidos entre os 8 e os 11 anos, e o segundo abarca desde os 12 aos 15.
En declaracións do alcalde, Juan Penabad, “esta actividade supón unha gran oportunidade para a mocidade do noso municipio, xa que poderán experimentar de primeira man diferentes tipos de avances tecnolóxicos, sempre desde unha perspectiva de igualdade e innovación”.

Os alumnos tomarán contacto coa tecnoloxía de forma inspiradora e creativa, con actividades como a creación de circuítos de papel, programación de videoxogos propios con scratch (unha linguaxe de programación creado polo MIT para persoas que se inician neste ámbito) ou a creación de cómics interactivos con makey makey – un kit de creación interactivo para experimentar, investigar e ideal para practicar nun contexto real a programación con Scratch-.

Ademais, os mozos que asistan aos talleres terán a posibilidade de realizar outro tipo de proxectos máis avanzados, que requiren coñecementos e experiencia en programación e involucran o uso de diferentes sensores, así como a elaboración de postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva, entre outras actividades.

O prazo de inscrición xa está aberto e pode formalizarse a través do teléfono 981 40 25 33 ou a través do correo electrónico cemit.ortigueira@xunta.gal.