― A Administración autonómica está a programar e apoiar este verán múltiples actuacións por todo o territorio galego que tamén se extenden a outras épocas do ano como Semana Santa ou Nadal
― A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten en execución practicamente a totalidade dos 16 millóns de euros que este ano destina a programas de apoio á conciliación e corresponsabilidade, máis do triplo que en 2021
― Entre as actuacións destacan as actividades que se realizan no marco do Plan Corresponsables e as que se levan a cabo a través das axudas autonómicas dirixidas ás entidades locais, consorcios e manconumidades
― Continúa aberto ata o 29 de agosto o prazo de solicitude das axudas a entidades locais, de iniciativa social sen ánimo de lucro e a asociacións de pais e nais para o desenvolvemento de actuacións de apoio á conciliación e a corresponsabilidade
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a programar e financiar durante este verán máis de 600 actividades nas que se ofrecen 22.100 prazas para menores de ata 16 anos ou 18 anos, segundo o programa no que se participe, co fin de apoiar a conciliación corresponsable das familias galegas, múltiples actuacións de lecer e centradas no ámbito cultural e deportivo, entre outros eidos, e que nalgúns casos se estenden a outras épocas do ano, como é Semana Santa ou Nadal.
Trátase dunha iniciativa coa que se pretende atender as necesidades de corresponsabilidade e de conciliación das familias, un eido trasnversal en todas as políticas que desenvolve o Goberno galego e ao que só a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina este ano 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021. Practicamente a totalidade deste investimento está en execución.
Deste xeito, entre as actuacións que se están a levar a cabo, e no marco do Plan Corresponsables, que executa a Xunta de Galicia con fondos do Estado, destacan tres iniciativas: as actividades de lecer que, en colaboración coa Consellería de Política Social, están a contribuír á conciliación dunhas 7.000 familias galegas coa participación duns 8.080 menores de 16 anos ao seu cargo, en especial, en períodos non lectivos.
Este acordo, con vixencia ata finais do ano e un orzamento de tres millóns de euros, céntrase na realización de programas de educación non formal ou lúdica en albergues, campamentos, residencias ou establecementos turísticos. Para o desenvolvemento de todas estas iniciativas, habilitáronse servizos de coidado profesional para os rapaces e rapazas en instalacións públicas. Deste xeito contribuirase a crear uns 800 empregos.
Actuacións deportivas
Tamén no marco do Plan Corresponsables, e grazas á colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte, estanse a desenvolver para 8.000 menores máis de 500 actividades en arredor de 150 concellos coa implicación de 18 federacións deportivas na programación de accións lúdicas en espazos públicos.
A actuación, ademais, permite a contratación de 250 persoas monitoras. O investimento desta medida ascende a 3,5 millóns de euros e inclúe o desenvolvemento de campamentos de baloncesto, balonmán, bolos, boxeo, esgrima, fútbol, halterofilia e hóckey. Figuran tamén loita, montañismo, piragüismo, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, triatlon e péntatlon moderno e vela.
Coa cultura
A terceira actuación que se está a realizar, no marco do Plan Corresponsables, refírese ao acordo entre as consellerías de Promoción do Emprego e Igualdade e de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que cun orzamento de preto de 370.000 euros, está a permitir o desenvolvemento de programas de conciliación en bibliotecas, arquivos e museos.
En total, ao abeiro deste programa estanse a levar a cabo en doce dotacións culturais preto de 40 actividades con máis de 1.300 menores a través de dous ámbitos de actuación. O primeiro deles, no período estival, inclúe desde campamentos ata obradoiros ou actividades adaptadas a distintos grupos de idade e relacionadas co ámbito cultural. No segundo, poranse en marcha ata decembro actividades de animación á lectura, reforzo educativo, mellora de técnicas de estudo ou iniciativas asociadas ao ámbito cultural. En ambos casos as prazas estanse a asignar por orde de inscrición.Todos os servizos serán prestados por persoal cualificado.
Apoio aos concellos
Por último, é preciso salientar os 94 programas que chegan a máis de 4.700 nenas e nenos e que se están realizando en diferentes concellos galegos grazas ás axudas da Xunta dirixidas ao fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, uns apoios aos que a Consellería de Promoción do Emprego e Iguadalde destinou este ano máis de 1,4 millóns de euros. Con esta iniciativa, fináncianse medidas (campamentos de verán e outro tipo de actuacións de apoio á conciliación en distintas épocas do ano, como a Semana Santa ou Nadal) que fomenten a corresponsabilidade entre mulleres e homes.
Estas medidas constitúen un exemplo da visión integral das políticas públicas en materia de igualdade que desenvolve a Xunta de Galicia, que opta por transversalizar as actuacións para que cheguen da maneira efectiva á cidadanía.
Para apoiar aos concellos neste labor e ás organizacións de iniciativa social e asociacións de nais e pais do alumnado, continúa aberto, ata o próximo 29 de agosto, o prazo de solicitude dos apoios que a través do Plan Corresponsables permitirá axudar a 12.000 familias galegas a conciliar co desenvolvemento de novas actividades para menores de ata 16 anos, o que a súa vez contribuirá a xerar 500 novos empregos.