Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Fene ultima os detalles da Festa Mariñeira


O evento terá lugar o sábado 3 de setembro no peirao de Barallobre e incluirá un simulacro de rescate marítimo na ría

O peirao de Barallobre acollerá o sábado 3 de setembro unha nova edición da Festa Mariñeira, a primeira tralo parón provocado pola situación de pandemia. O evento xa ten practicamente pechada a súa programación e esta mañá desenvolveuse o encontro preparatorio do simulacro de salvamento marítimo que se desenvolverá na ría, xusto diante da festa. Na xuntanza, ademais do Goberno e a Policía local, participaron representantes das agrupacións de Protección Civil de Fene e Ferrol, do Servizo Marítimo da Garda Civil, de Gardacostas de Galicia, de Salvamento Marítimo, da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cribrao, da Axencia Galega de Emerxencias, da UME de León, da Capitanía Marítima e da Cruz Vermella da Coruña.

A práctica simulará a explosión nun remolcador na que tamén se verán implicadas dúas planadoras de marisqueo, co resultado de dez persoas na auga, unha delas falecida. Ademais, como resultado do estourido ficticio, tamén se tería producido unha vertedura de combustible. Neste sentido, o simulacro mostrará o procedemento de rescate e recuperación -no que tamén participará un helicóptero- xunto co estendido de barreiras que eviten a diseminación da mancha contaminante.

O obxectivo do exercicio é dobre. Por unha banda poñer a proba a coordinación dos medios de resposta ante accidentes similares e, por outra, dar a coñecer os recursos humanos e materiais dispoñibles para facerlles fronte ás emerxencias marítimas.

Para o desenvolvemento do simulacro só falta por fixar a hora, atendendo ás previsións meteorolóxicas e ao feito de que as pleamares do día se producirán ás 9:37 e ás 22:08h, mentres que as dúas mareas baixas serán ás 3:27h e ás 15:54h.

Resto do programa
O que si está pechado xa é o programa xeral das actividades que se desenvolverán en terra. Nel destacan as actuacións musicais da Ukestra do medio -13:30h- dentro da convocatoria da AGADIC co gallo do Xacobeo 21-22, a de Trikitrí -ganador do certame Runas do Festival de Ortigueira en 2021- e, como peche, o grupo Los Zares, todo un clásico da comarca facendo versións de pezas de todos os tempos.

Este ano confirmaron a colaboración coa cita achegando distintas especialidades feitas con produtos do mar a SCRD Agarimo de Sillobre, a ACRD O Pote de Maniños, AETNA, a Cultural Maniños SD, a ACDR Liga de Amigos de Barallobre, a AVV San Xurxo de Magalofes e a AVV Santa Eulalia de Limodre.

Cabe recordar, ademais, que durante esa fin de semana o comercio fenés tamén organiza un novo Outlet para promocionar os establecementos locais, presentar novidades e darlle saída ás existencias de temporada.