No 19 de agosto comezan na Pobra do Caramiñal os festexos do Carme dos Pincheiros, cuxo pregón correrá a cargo de Cristina Fernández, xefa de Medicina Preventiva da Área de Santiago de Compostela e Barbanza xunto co seu equipo.
O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), acompañado da concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e da concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), puxo de manifesto que a elección supón un recoñecemento á labor encomiable realizada por todo o persoal sanitario durante a pandemia que se esforzaron ao máximo para salvar vidas.
A decisión de decantarse por Medicina Preventiva e, nomeadamente, por Cristina Fernández, débese á total disposición deste servizo para organizar cribaxes que permitisen detectar os contaxios para así paraliza-la súa expansión pola localidade, artellando todo o mecanismo necesario para tal fin, sempre, por suposto, co persoal do Hospital da Barbanza e do centro de saúde pobrense en primeira liña, para quen tamén tiveron palabras de agradecemento.
Preténdese así, en palabras do rexedor, comeza-las festas “co espírito da solidariedade.”
O pregón ofrecerase ás 21.00 horas, dende o balcón da casa consistorial.