— A actuación levarase a cabo ao abeiro dun convenio asinado hoxe polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades e o alcalde de Curtis
— A intervención contará cun prazo de execución de nove meses para converter este espazo nun museo sobre a vida e obra da autora
— O representante autonómico salienta que a colaboración permitirá sumar unha nova alternativa cultural e artística no rural ao tempo que se recupera unha parte do patrimonio histórico do concello e a figura da artista
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciou hoxe o inicio das obras de rehabilitación e musealización que a Xunta de Galicia impulsa na casa da pintora María Antonia Dans cun investimento de 250.000€. A actuación, que arrancará nos vindeiros días, contará cun prazo de execución de nove meses e levarase a cabo ao abeiro dun convenio asinado hoxe entre o representante autonómico de Cultura e o alcalde de Curtis, Javier Caínzos.
Tal e como explicou Román Rodríguez na súa visita á casa, con esta colaboración súmase unha nova alternativa cultural e artística na zona, ponse en valor a figura da pintora e recupérase unha parte do patrimonio histórico do concello. “María Antonia Dans é un referente no neoexpresionismo que destaca polas súas paisaxes nas que o rural xoga un papel fundamental e pola forza cromática dos seus lenzos”, explicou o conselleiro.
En virtude deste convenio, a Xunta achegará 250.000 euros para a rehabilitación da casa na que viviu a autora. O proxecto supón a recuperación da edificación principal e da auxiliar, de modo que volvan ao seu aspecto orixinal, mantendo as características e materiais. Tamén se intervirá no espazo que constituía o taller de traballo e se prevé a construción de novos volumes para dedicar a actividades artísticas.
A casa de Mª Antonia Dans foi adquirida polo seu pai nos anos 20, antes de se trasladar coa súa familia. O andar superior consta dunha gran galería de equilibradas proporcións e está soportado por columnas exentas de fundición, que permiten un retranqueo ou recuado da planta baixa, formando un pórtico con vigas de madeira. Toda esta planta está pechada cunha pequena varanda na parte baixa. Este foi o sitio onde María Antonia tivo tamén o seu estudo galego.
Diversificación cultural
O convenio, no que a Xunta achega ao redor do 56% do investimento necesario para a actuación, enmárcase no traballo da Consellería por conservar e divulgar o legado dos autores galegos e descentralizar a actividade cultural estendéndoa ao rural, a través de liñas de apoio para a mellora das infraestruturas culturais ou para os centros museísticos e completar as coleccións bibliotecarias. Tamén coa posta en marcha de campañas arqueolóxicas para divulgar e conservar os achados ou coa nova creación do programa Territorio Cultura para ampliar e diversificar a programación cultural no rural.
Nesta ocasión, a Administración autonómica impulsa a rehabilitación dunha edificación que foi durante toda a vida de artista o lugar desde o que facía excursións cos seus cadernos de notas para, en breves trazos, iniciar o que máis tarde había converter en obra definitiva. María Antonia Dans naceu na localidade de Oza dos Ríos, aínda que sendo moi nena foi levada a Curtis, onde se trasladou toda a familia por negocios paternos.
Na Coruña é onde recibe as primeiras leccións da man dunha notable debuxante, Lolita Díaz Baliño, quen a encamiña na profesión. Tras a súa voda, en 1952, trasládase a Madrid, onde vai residir xa de xeito definitivo, o que alterna con exposicións e tempadas en Galicia. Da obra de María Antonia Dans, que acada a súa plenitude na década dos 70, chama a atención a intensidade do seu cromatismo, o puro soporte debuxístico dos seus cadros cunha elementalidade formal un tanto naif e primitiva.