A Orquestra de Cámara Galega, a Orquestra Gaos, a Banda Municipal con Serafín Zubiri e a coral polifónica El Eco completan o programa previsto para María Pita
A Orquestra Sinfónica de Galicia abrirá este sábado o ciclo de concertos da Semana Clásica, que se prolongará ata o día 26 coas actuacións na praza de María Pita da Orquestra de Cámara Galega, a Orquestra Gaos, a Banda Municipal e a coral polifónica El Eco.
Tal como é tradicional, a música clásica volve a María Pita durante o mes de agosto e dentro da programación das festas deseñada polo Goberno de Inés Rey. Desta maneira, a OSG dáse cita de novo cos coruñeses e coruñesas e cos visitantes que durante este mes acoden á cidade.
Será a Orquestra Sinfónica a que abra o ciclo de concertos incluídos dentro da Semana Clásica. José Trigueros, director asociado da formación que acaba de renovar por outros tres anos e percusionista principal da OSG desde hai vinte anos, estará á fronte da orquestra este sábado, a partir das 21.00 horas na praza de María Pita.
Baixo o título de “Imprescindibles”, a OSG ofrecerá unha selección do repertorio da próxima tempada, nun programa de carácter eminentemente popular e que inclúe obras moi coñecidas e recoñecidas, como “O Moldava” de Smetana, as “Variacións Enigma” de Elgar, o 4º movemento da “Sétima Sinfonía” de Beethoven e unha selección de temas célebres de Tchaikovsky e Brahms.
O día 21, domingo, será a Banda Municipal a que presentará “Homenaxe a Nino Bravo”, coa participación do cantante Serafín Zubiri lembrando a unha das grandes voces da canción española. A Banda Municipal únese así ao cantante Serafín Zubiri para renderlle unha homenaxe a Nino Bravo e lembrar o seu legado, formado por cinco discos e 58 temas, antes de morrer de forma prematura. Cunha excelente adaptación orquestral, o domingo, a partir das 21.00 horas, interpretarán preto dunha vintena de temas do cantante valenciano, coa voz de Zubiri e o seu virtuosismo ao piano.
O día 22, tamén ás 21.00 horas, será a quenda da Orquestra de Cámara Galega, que presentará “Música desde o Atlántico”, coa que quere recoller algún dos sons da man de creadores do Atlántico, de Brasil, Arxentina, Reino Unido ou Galicia, entre os que se atopa o prolífico compositor galego Rogelio Groba.
O martes 23 o Coro Gaos, o Coro Gaos Xove e os ‘minigaos’, acompañados da Orquestra Gaos ofrecerán un concerto no que soarán as cancións de Disney máis populares. Será a partir das 21.00 horas cando soarán as melodías de Aladdin, A Bela e a Besta, Hércules, Enredados, Pocahontas, O Rei León, Frozen e Brave, entre outras.
A Semana Clásica pecharase o día 26, ás 22.00 horas, coa participación da coral polifónica El Eco, a máis antiga en activa de España, que este mesmo ano recibiu a Medalla Castelao en recoñecemento á súa longa traxectoria
SEMANA CLÁSICA. PRAZA DE MARÍA PITA
● 20 de agosto, 21.00 horas: A Orquestra Sinfónica de Galicia presenta
“Imprescindible”
● 21 de agosto, 21.00 horas. A Banda Municipal de Música, con Serafín Zubiri,
presenta “Homenaxe a Nino Bravo”
● 22 de agosto, 21.00 horas: A Orquestra de Cámara Galega presente “Música desde
o Atlántico”
● 23 de agosto, 21.00 horas: A Orquestra Gaos presenta “Disney en concerto”
● 26 de agosto, 22.00 horas: Coral Polifónica El Eco