Friday 22 de November de 2024

A Pobra homenaxea ás persoas represaliadas polo franquismo e ás súas familias no Día da Galiza Mártir


Ao abeiro da programación impulsada dende a Administración local pobrense para a reivindicación da memoria histórica, a localidade foi escenario de dous actos conmemorativos con motivo do Día da Galiza Mártir, neste 17 de agosto.

Acompañado de membros da corporación municipal e veciñanza, o concelleiro da Memoria Histórica, Xabier Santos (BNG), procedeu coa tradicional ofrenda floral na rúa Alexandre Bóveda, situada nas inmediacións da casa consistorial. Na súa intervención, o edil centrouse no exposto en O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón, que se presentou recentemente no municipio. Puxo así de manifesto que o asasinato de Bóveda nun día coma o de hoxe no ano 1936 foi “unha celebración macabra da sublevación militar” e que a cuestión da lingua tivo un papel importante ao non deixar exerce-la súa defensa en galego, só lle permitiron en castelán ao considerar ao primeiro coma un dialecto.

Posteriormente, a atención trasladouse aos Xardíns de Valle-Inclán, onde tivo lugar a exposición do bosquexo da escultura pola memoria histórica elaborada por Manuel Teira, quen se uniu ao acto. Xabier Santos explicou que a figura pretende “homenaxear, honrar e representar a tódalas persoas asasinadas, represaliadas, exiliadas e recluídas en campos de concentración coma o que existía na Pobra” e, deseguido, efectuou a lectura dun poema de Concha Barreiro. Pola súa parte, Manuel Teira indicou que coa escultura búscase “dignificar os sentimentos dun pobo que sufriu o atropelo da ditadura”, polo que se rende unha homenaxe á Galiza Mártir; título que abraza o concepto que tan ben definiu Castelao nos seus álbums da Guerra Civil e que a través desta obra se pretende representar. “Darlle palabra ao silencio, que a pedra fale por si sola”, engadiu.

O material a empregar será granito do país e constará dunhas dimensións de aproximadamente 1’60 x 1’20 x 1’20 metros ao que hai que engadir a peaña de arredor de 0’25 centímetros de alto. A inauguración estímase entre finais de novembro e principios de decembro.

A programación do Mes da Galiza Mártir iniciouse xa no día 9 coa representación de A señora de Forcadela a cargo da compañía teatral Os Quinquilláns, e concluirá no día 25 coa proxección do filme Reboiras. Acción e corazón, de Alberte Mera.

Esta última cita desenvolverase no teatro cine Elma, ás 20.00 horas. A dita longametraxe leva á pantalla un retrato de Moncho Reboiras dende a vertente humana e política. A súa vida e o seu pensamento son recreados a través de entrevistas a 28 testemuñas que compartiron con el distintas etapas da súa traxectoria vital. Inclúe, ademais, filmacións históricas e revive as súas últimas horas mediante secuencias de ficción.

A entrada é libre ata completa-la cabida.