Friday 22 de November de 2024

O concerto da banda de rock Heredeiros da Crus será o evento estrela das Festas do Castrillón, que comezan hoxe cun pregón a cargo da alcaldesa


A banda do Barbanza actuará mañá, xoves, ás 22.00 horas, na praza de Pablo Iglesias, na súa xira de 30 aniversario como icona do rock feito en Galicia e en galego

As festas comezan hoxe ás 20.30 horas, coa lectura do pregón a cargo de Inés Rey. Haberá numerosas actividades ata o venres 19, con obradoiros infantís, sesións de música e baile tradicional, actuacións musicais ou a gran verbena de clausura

Tras o éxito do ciclo de concertos das Noites de María Pita e o Festival Noroeste Estrella Galicia, prevese para mañá xoves un novo espectáculo multitudinario, no marco das festas do Castrillón. Trátase da actuación de Heredeiros da Crus, que terá lugar ás 22.00 horas na praza de Pablo Iglesias. Esta lonxeva banda de rock do Barbanza está a realizar a súa xira de 30º aniversario, tres décadas nas que deixou unha forte pegada como pioneira do rock feito en Galicia e en galego. Unha das singularidades que máis carisma lle deu ao grupo foi a utilización de variedades do rexistro popular do idioma.

O concerto de Heredeiros da Crus será o prato forte das Festas do Castrillón – Urbanización Soto, enmarcadas no programa de Festas de María Pita do Concello da Coruña. As celebracións comezan hoxe coa actuación da Agrupación de Coros e Danzas ás 20.00 horas, como preámbulo á lectura do pregón a cargo da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, prevista para as 20.30 horas. A continuación celebrarase unha sesión de música en directo que comezará con By.Kokee, para continuar ás 22.00 horas co concerto de Virtual Project.

Xa para a xornada de mañá, xoves, ademais do concerto de Heredeiros da Crus, agárdase unha intensa programación, que comezará ás 10.30 horas cunha festa infantil con inchables, así como un intercambio de libros infantís, xuvenís e de adultos ás 11.30 horas. A xornada matutina concluirá cunha festa da escuma a partir das 13.00 horas. Xa pola tarde, para abrir boca antes do concerto, celebrarase a partir das 18.30 horas a XIII edición do Concurso de Tortillas do Castrillón – Urbanización Soto.

A clausura das festas terá lugar o venres 19, cun programa que comezará ás 11.00 horas cun obradoiro de marcapáxinas e ás 11.30 horas cun novo intercambio de libros. Ás 12.00 horas visitará o barrio o Cascarillarte, programa de teatro de rúa que recorreu durante todo o mes de agosto distintos puntos da cidade, no marco da programación das Festas de María Pita. Neste caso será a compañía Galeatro a encargada de levar a escena o espectáculo infantil “Muiñada”. A continuación, ás 18.00 horas, desenvolverase unha sesión de xogos e deportes tradicionais, coa colaboración do Museo Etnolúdico de Galicia “Melga”, e ás 20.00 horas tocará a quenda do baile, cun obradoiro de swing a cargo de “Loopy
Hoppers”. A clausura das festas será unha gran verbena coa orquestra Fania Blanco Show a partir das 22.00 horas. Ademais destas citas, a música tradicional terá tamén cabida nas festas do Castrillón, e tras a actuación onte de Cántigas da Terra, celebrarase o sábado 20 ás 20.00 horas unha exhibición do grupo de danza Son D’Aquí e o domingo 21 unha actuación de La Trova Coruñesa, tamén ás 20.00 horas.

Durante este segundo tramo do mes de agosto están a se desenvolver numerosas festas nos distintos barrios da cidade, entre as que figuran tamén as de Oza-Gaiteira, celebradas na pasada fin de semana, ou as de Labañou e San Roque, que o 20 de agosto celebrarán ao grande o centenario do club de fútbol do seu barrio, o “Sin Querer”. Para iso organizouse na praza da Tolerancia o circo de Isla de Triska, a partir das 19.30 horas, ao que seguirán as actuacións de Belen Tajes, ás 20.30 horas; Sin Querer Centenario Band, ás 22.00 horas; e The Teta’s Van, a partir das 23.40 horas. As festas e verbenas nos barrios rematarán o día 23 coa tradicional Festa do Amorodo en Eirís e do 26 ao 28 de agosto en Novo Mesoiro cunha ampla programación infantil e musical.