Saturday 23 de November de 2024

A Feira Rural de San Sadurniño acollerá unha nova edición do concurso de froita do país con premios para os tres mellores lotes


A Feira Rural de San Sadurniño que se celebrará o sábado 27 de agosto reedita o seu exitoso concurso de froita para premiar os mellores lotes de castes do país colleitados nas comarcas do Eume, Ferrolterra, Ortegal e Betanzos. O certame ten como obxectivo continuar promocionando a recuperación das variedades autóctonas, ademais de difundir o seu potencial para a venda en fresco ou como produtos elaborados. Por este motivo, ademais do concurso-exposición, dentro da feira tamén están previstas dúas visitas guiadas á horta de conservación Carlos Fornos con obradoiros de poda de verán e técnicas de enxertado e, como novidade este ano, degustacións de zumes, confeituras e mesmo conservas de horta producidas no Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla partindo de materia prima local.

As inscricións no certame da froita haberá que facelas o propio día da feira e os tres primeiros premios decidiranse mediante unha táboa de valoración das características organolépticas e morfolóxicas de cada lote concursante.

Cada persoa poderá presentar cantos lotes de froita queira sempre que cada un deles sexa da mesma variedade e teña un peso mínimo de 2 quilos, aínda que o xurado pode admitir cantidades inferiores se a súa rareza ou o tamaño das pezas o xustifican. Os lotes deberán proceder de hortas tradicionais das comarcas de Ferrol, o Eume, o Ortegal ou Betanzos, vir presentados en cestos (non se admiten caixas con denominacións comerciais) e as bases establecen que por cada unidade familiar só se poderá percibir un premio.

A Comisión de Inscrición estará formada por dúas persoas expertas da AGFA do Eume, mentres que ao xurado se sumará tamén unha persoa en representación do Concello. Para facer as valoracións contarán cunha táboa de puntuación que, entre outros factores, valorará se se trata de variedades antigas ou en perigo de extinción, o seu tamaño, se a pel presenta ou non defectos, a cor, o grao de maduración, o sabor, a textura da carne, etc.

As bases completas poden consultarse nesta ligazón. O documento tamén reflicte os horarios do concurso. As inscricións cómpre facelas na carpa principal de 10:30 a 11:30h e, inmediatamente despois de pechar o tempo para anotarse, o xurado iniciará a valoración de cada lote. A comunicación do fallo e a entrega dos premios faranse sobre as 13:30h. Se houbese algunha reclamación, a entrega posporase media hora.

As persoas participantes levarán como agasallo un pé dunha froiteira do país e os tres primeiros premios recibirán cadanseu bono de 75 euros para gastar nun establecemento do Concello. Os cestos premiados quedarán na feira e sortearanse entre o público ás 14:00 e ás 19:45h, engadíndolles en cada sorteo varios lotes preparados pola AGFA do Eume

Visitas guiadas e promoción da Fusquenlla
O concurso da froita autóctona non é a única actividade relacionada coa difusión do noso patrimonio vexetal. A AGFA do Eume programou dúas visitas guiadas á horta de froiteiras Carlos Fornos, unha ás 11:30h que leva asociado un obradoiro de técnicas de enxertado e outra ás 17:30h na que tamén se tratarán as podas de verán. As inscricións haberá que facelas no posto de información do Concello.

Cómpre sinalar que o programa infantil desta edición da Feira Rural tamén está vinculado coa froita, xa que ás 12:00h e ás 17:30h van desenvolverse dous talleres para a rapazada nos que prepararán lambetadas sás e saborosas empregando mazás, peras, pexegos e outras pezas, preferentemente de castes do país. Para anotarse é necesario pasar tamén polo posto de información do Concello ata uns minutos antes do comezo de cada quenda.

Dentro da promoción do potencial de desenvolvemento socioeconómico que ten o rural, a feira significará a posta de longo oficial do Centro de Transformación A Fusquenlla, situado en Moeche. Alí xa se levaron a cabo dous cursos sobre técnicas de conservación de horta e froita nos que se produciron os primeiros lotes de produto, principalmente marmeladas, pezas confeitadas en almibre, zumes e conservas de horta.

O sábado 27 poderemos probar algunhas das delicadezas elaboradas e informarnos sobre como entrar formar parte deste proxecto colaborativo que nos ofrece os medios e a formación necesaria para dárlles aos excedentes da terra -e ao mel- un maior valor engadido. Pódese ampliar información na súa web: afusquenlla.gal.