• Trátase dun das catro probas previas ao Campionato Galego que terá lugar en setembro
• Os xinetes competirán nas disciplinas de doma clásica, salto e cros co mesmo cabalo
A Granxa do Souto de Ortigueira acolle este domingo 21 de agosto, por primeira vez, un concurso completo de equitación da Federación Galega de Hípica.
Trátase dunha das catro probas previas ao campionato galego que se disputará no próximo mes de setembro.
Os xinetes competirán co mesmo corcel en tres disciplinas diferentes: doma clásica, salto e cros.
O evento conta nestes momentos con 40 rexistrados, superando con fartura todas as previsións, e o prazo de inscrición aínda finaliza mañá.
Á proba acoden xinetas de todos os puntos xeográficos do territorio galego, ademais dalgúns outros de diferentes puntos de España que se atopan pola zona debido ás súas vacacións estivais.
Para a organizadora da competición, Isabel Vierna, “é un orgullo que o noso centro de equitación sexa a sede dunha destas catro competicións, xa que só catro sedes albergan as probas previas ao campionato galego que se celebra no próximo mes de setembro”.
Segundo apunta o alcalde, Juan Penabad, “é un pracer apoiar este tipo de iniciativas, que ademais de fomentar o deporte dentro do noso municipio, son un reclamo turístico para que visitantes de toda Galicia veñan coñecer Ortigueira”.