Saturday 16 de November de 2024

O parque de Santa Margarida acollerá entre o venres e o sábado a mellor música rock e electrónica


Sons of Aguirre & Scila encabeza a carteleira do FIRC, no que Moura presentará o seu novo disco e Display of Power lanza a súa xira do 20º aniversario

Lady Starlight, Radioactive Man e a galega Cora Novoa son os pratos fortes do FEC, que contará por segundo ano consecutivo con artistas locais de recoñecido prestixio, entre os que se atopan Grobas, Rj Junior, Roi ou The Panic Room

O parque de Santa Margarida acollerá entre o venres e o sábado dúas das citas imprescindibles coa escena alternativa local: o Festival Independente
Rock Coruñés (FIRC) e o Festival de Electrónica Coruñés (FEC). Desta maneira, tanto o rock como a electrónica pasan a ocupar espazos centrais nas festas.

Tanto FIRC como FEC fundamentan a súa liña de programación na integración no seu cartel de artistas consagrados con bandas locais, de forma que o público poida coñecer, desde a proximidade e de forma gratuíta, as propostas de figuras pouco habituais no circuíto de salas ou festivais galegos, á vez que se pon en valor o traballo de artistas emerxentes ou cunha traxectoria consolidada na escena coruñesa. Ambos os dous festivais enmárcanse dentro das políticas de promoción da cultura e da música locais que está a levar a cabo o Goberno de Inés Rey.

A primeira cita será o venres 19 coa recuperación do FIRC, un evento creado para adifusión do rock máis duro e que volve á programación das Festas de María Pita tras variosanos de ausencia. O prato forte da cita será Sons of Aguirre & Scila, grupo de rap metal pouco habitual na escena galega.

O FIRC 2022 contará, ademais, con Moura, que estrea este ano ‘Axexan, espreitan’, un disco que destaca pola calidade coa que integran o folclore co rock psicodélico e progresivo. A xornada tamén inclúe o directo do grupo local Display of Power, unha das mellores bandas tributo a Pantera e que estrean no FIRC, na súa cidade, a xira dos seus 20 anos sobre os escenarios.

No cartel do Festival Independente Rock Coruñés tamén figura Rapariga DJ, o proxecto musical da fotógrafa Cristina Pontanilla co que está a virar por diversos festivais de Galicia. Completan o cartel a banda de nova formación Wetsocks.

A programación do Festival de Electrónica Coruñés
Doutra banda, o FEC repite por segundo ano consecutivo no parque de Santa Margarida para ofrecer un maratón de música electrónica, xa que a xornada comezará ás 17.00 horas e finalizará sobre as 3.00, dando a oportunidade de coñecer o amplo espectro que cobre a música electrónica a través do traballo de artistas internacionais, nacionais e locais. Lady Starlight é unha das cabezas de cartel deste FEC 2022. A artista americana, difícil de ver en directo en Galicia, presenta un show de techno de gran calidade. Outro dos nomes máis destacados é o de Radioactive Man, artista británico apoiado por unha extensa traxectoria. Completa o trío de pratos fortes un referente na escena estatal, a compositora e DJ galega Cora Novoa, afincada en Barcelona.

A programación do FEC 2022 contará cunha ampla selección de artistas locais. É o caso de Grobas, un dos DJ da cidade máis coñecidos nos xéneros de ambiente, electro, techno ou house, e apoiado por 25 anos de carreira. Tamén participará RJ Junior, DJ e promotor coruñés con dúas décadas de traxectoria; así como o dúo conformado por Roi & The Panic Room.

Ademais, as artes visuais terán especial protagonismo e, durante a celebración do FEC, o malagueño Azael Ferrer e a lucense VJ Caskbel acompañarán cos seus audiovisuais as sesións en Santa Margarida. Pecha o cartel do FEC 2022 Saraiba, representante do talento das novas fornadas.