Friday 22 de November de 2024

A Xunta incorpora 15 novos centros ao programa “Educación Responsable” de desenvolvemento emocional, social e creativo


— Na actualidade participan nesta iniciativa 71 centros de ensino, 8.766 alumnos e 735 docentes

— Como novidade, o vindeiro curso haberá un novo recurso educativo ‘Playing Emotions’, relacionado coas novas tecnoloxías e a análise das técnicas narrativas

O próximo curso un total de 15 novos centros educativos vanse incorporar ao programa Educación Responsable que ten como obxectivo o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, e que se realiza en colaboración coa Fundación Botín. Na actualidade están a traballar esta iniciativa 71 centros de ensino, 8.766 alumnos e 735 docentes, aos que se sumarán os novos seleccionados.

Como novidade para o curso 2022/23, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades incorpora, para os centros galegos participantes no programa, un novo recurso educativo denominado Playing Emotions, relacionado coas novas tecnoloxías e a análise das técnicas narrativas, sempre desde unha perspectiva das emocións.

Deste xeito, a iniciativa entronca co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e coa Estratexia Educación Dixital, dado que inflúe na disposición dos espazos das escolas, propiciando ambientes confortables e inclusivos para o alumnado. Ademais, emprega ferramentas cuxo uso fomenta a competencia dixital nos procesos de ensino-aprendizaxe relacionados coa igualdade, a convivencia e a inclusión.

Centros de nova incorporación

CENTRO LOCALIDADE PROVINCIA
CEIP A Maía Ames A Coruña
IES Afonso X O Sabio Cambre A Coruña
CPI do Feal Narón A Coruña
IES María Casares Oleiros A Coruña
CEIP Plurilingüe Virxe do Carme Burela Lugo
IES Perdouro Burela Lugo
CEIP Plurilingüe Curros Enríquez Celanova Ourense
CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel Ourense Ourense
CEIP Rosalía de Castro Xinzo de Limia Ourense
CPI da Cañiza A Cañiza Pontevedra
CEIP de Seara Moaña Pontevedra
CEIP A Xunqueira nº2 Pontevedra Pontevedra
CEIP Plurilingüe da Igrexa-Chapela Redondela Pontevedra
CEIP de Coutada-Beade Vigo Pontevedra
CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro Vilagarcía de Arousa Pontevedra

Fases

O programa Educación Responsable está centrado na aplicación didáctica, dentro das áreas curriculares, dunha serie de recursos de educación emocional, social e creativa, que se realiza de forma coordinada entre todos os centros da rede de Centros Educación Responsable de Galicia. A iniciativa desenvólvese ao longo de tres cursos nos que, a maiores de levar ás aulas as actividades e materiais dos que dispoñe o programa, os centros contan con formación vencellada ao Plan de Formación Permanente do Profesorado, así como financiación para desenvolver o programa a través dos Contratos-Programa.

 

O obxectivo da fase inicial e de crecemento (1º curso) é que o equipo de cada centro participante coñeza as ferramentas didácticas propias da educación emocional e aplique as actividades do programa; mentres que na fase de expansión (2º curso) o centro participante asumirá este programa como unha liña prioritaria dentro do seu proxecto educativo, recibindo formación para o resto dos docentes e estendendo o programa a un maior número de alumnado.

 

A fase de consolidación (3º curso) ten como obxectivo que o centro utilice de forma autónoma as metodoloxías, técnicas e actividades e sexa quen de elaborar outras novas, incluíndo obxectivos propios do crecemento emocional, social e creativo do alumnado. Para iso, será necesario que a maioría dos profesores incorporen nas súas programacións de aula actividades de Educación Responsable e que se aplique a totalidade dos recursos do programa coa maior parte do alumnado.

 

Galicia incorporouse a Rede de centros de Educación Responsable no curso 2014/2015. O programa desenvólvese noutras comunidades españolas, concretamente en Cantabria, Madrid, A Rioxa, Navarra, Murcia, Castela e León, Aragón e Comunidade Valenciana, así como nos países de Uruguai, Chile e México.