Friday 22 de November de 2024

A Xunta iniciará a vindeira semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas AC-842, OU-300, OU-320, PO-520 e PO-400


As tarefas de limpeza beneficiarán aos concellos de Ortigueira, Allariz, San Cibrao das Viñas, Salceda de Caselas, Crecente, Arbo, As Neves e Salvaterra do Miño

Proseguirán os labores en Muros, Monforte e O Saviñao

As actuacións contribúen á eliminación de especies que aumentan o risco de lume e á mellora da seguridade viaria, ao incrementar a visibilidade

Mediante estes traballos retiraranse máis de 5.600 árbores situadas no dominio público das estradas, susceptibles de provocar lumes ou de supoñer un risco de caída na calzada, e repararanse 22.500 metros lineais de valado dos noiros perimetrais das estradas

Coa nova encomenda a Seaga, desde o ano 2018 a Xunta leva investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas da súa competencia

A Xunta iniciará a vindeira semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas da súa titularidade. As tarefas de limpeza beneficiarán aos concellos de Ortigueira, Allariz, San Cibrao das Viñas, Salceda de Caselas, Crecente, Arbo, As Neves e Salvaterra do Miño.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade retomou recentemente estes traballos nas vías da Xunta, tras renovar, por máis de 2,2 millóns de euros coa empresa pública Seaga, o contrato para acometer tarefas de control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

 

Ao longo da vindeira semana iniciaranse labores de roza e de limpeza nas marxes da estrada AC-842, ao seu paso polo concello de Ortigueira, e tamén nas OU-300 e OU-320, nos municipios de Allariz e San Cibrao das Viñas.

 

En Pontevedra tamén se realizarán labores na PO-510, en Salceda de Caselas, e na PO-400, ao longo de Crecente, Arbo, As Neves e Salvaterra do Miño.

 

Do mesmo xeito, proseguirán os labores de roza e de limpeza nas marxes da estrada AC-550, ao seu paso polo concello coruñés de Muros; e tamén na N-120, á altura do Alto do Faro, en Monforte e O Saviñao.

 

Estas actuacións de limpeza contribúen á prevención dos lumes ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías. Cómpre lembrar que a Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

 

Por outra banda, estas intervencións favorecen o control da vexetación, que tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados retirarán árbores que poidan caer á calzada en caso de temporal e evitarán vexetación que invada as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Tamén permiten aumentar a visibilidade dos usuarios da estrada e conseguen o efecto de afastar aos animais, como xabarís ou corzos das vías.

 

A nova encomenda a Seaga ten unha vixencia de doce meses e impulsa o despexe e roza de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas. Ademais, tamén supón un apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.

 

Estas novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán, nesta nova encomenda, a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.

 

Ademais, retiraranse máis de 5.600 árbores situadas no dominio público das estradas, susceptibles de provocar lumes ou de supoñer un risco de caída na calzada. Tamén se levará a cabo a reparación de 22.500 metros lineais de valado dos noiros perimetrais das estradas.

 

Como novidade na encomenda de 2022 prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas autonómicas, engadindo aos medios da súa conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.

 

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.