A mostra, composta por cinco paneis informativos, estará ubicada na zona do Obelisco desde o 16 de agosto ata o 11 de setembro
“75 anos de excavacións en Elviña: do Castro a cidade” terá un carácter marcaddamente didáctico e divulgativo
Unha exposición achegará á cidadanía a importancia do Castro de Elviña, coincidindo coa celebración dos 75 anos do comenzo das primeiras excavacións arqueolóxicas desenvoltas nun dos xacementos de maior interese de Galicia.
A mostra “75 anos de excavaciones en Elviña: do Castro a cidade”, está composta por cinco paneis e estará ubicada no Cantón, na zona do Obelisco, desde o 16 de agosto ata o 11 de setembro, aínda que posteriormente trasladarase ao Museo Arqueolóxico de San Antón, onde poderá visitarse tamén.
A exposición ten un marcado carácter didáctico e divulgativo, de tal xeito que nos paneis combinanse as imaxes cos textos para afondar na evolución histórica, artística e urbanística do xacemento, cuxa proximidade a cidade dalle se cabe unha relevancia cultural e histórica aínda máis importante.
Hai setenta e cinco anos comezaron as primeiras escavacións arqueolóxicas no Castro de Elviña. Estes traballos deron á Coruña un dos xacementos arqueolóxicos de maior interese para comprender as sociedades da Idade do Ferro e o proceso de romanización en Galicia.
A importancia do castro como elemento arqueolóxico, así como a historia e lendas asociadas a el, xorden como eixes estratéxicos na difusión deste patrimonio e no seu mantemento na memoria colectiva.
Con esta exposición búscase baixar o castro á cidade para achegalo á cidadanía e invitar a coñecer este gran xacemento e a súa historia. De feito, recentemente culminaron os traballos de restauración do acceso principal ao recinto, continuando os labores desenvoltos na zona do torreón.
O Castro de Elviña está aberto a todas as persoas que queiran visitalo, de xeito gratuíto, no horario establecido para as visitas guiadas. Do 1 de xuño ao 30 de setembro todos os sábados e domingos ás 12.00 h, e do 1 de outubro ao 31 de maio os domingos ás 12.00 h.
Para poder coñecelo e visitalo, hai que facer reserva no teléfono do Museo Arqueolóxico de San Antón: 981189850