― A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, en colaboración coa Fundación Ronsel, desenvolve esta iniciativa na que un mentor acompaña a cada persoa autónoma para asesorarlle ante as novas necesidades do mercado e a situación actual
― É requisito fundamental estar dado de alta como autónomo, inscribirse no programa e ter o domicilio fiscal en Galicia
― A Xunta activou no que vai de ano máis de 45 millóns de euros a apoios dirixidos ao colectivo dos autónomos
A Xunta, en colaboración coa Fundación Ronsel, abre o próximo luns 22 de agosto o prazo de inscrición dunha nova edición do programa Mentoring Traballo Autónomo, un proxecto centrado en axudar ás persoas traballadoras autónomas de Galicia na adaptación ou transformación dos seus negocios ás novas necesidades do mercado e a situación actual. Os traballadores por conta propia interesados contan ata o 22 de setembro para cursar a súa solicitude a través dun formulario que se poderá atopar na web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e na oficina do autónomo.
A iniciativa, que ten un ano de duración, prevé apoiar a 200 persoas traballadoras sempre que estean dados de alta como autónomos; se inscriban neste proxecto de forma voluntaria e dentro do período temporal marcado; e teñan o seu domicilio fiscal en Galicia.
Entre as persoas que cumpran as anteriores condicións, terán prioridade en primeiro lugar as persoas autónomas que teñan unha antigüidade mínima de 42 meses de actividade profesional; e seguidamente aquelas que teñan recibido unha axuda do programa de promoción de emprego autónomo ou do plan de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación entre os anos 2017 e 2021 (ambos os dous incluídos).
Entre as actividades ás que asistirán os participantes do programa destaca un obradoiro de formación de catro horas para coñecer o proceso do mentoring e os seus protocolos de actuación. Cada autónomo contará cun mentor ou mentora (matching) en función do tipo de apoio que precise e que previamente marcou na ficha de inscrición. Cada matching celebrará un mínimo dunha reunión mensual durante un período máximo de 7 meses, ao tempo que se celebrarán reunións de apoio para poder traballar diferentes áreas. Ao remate do programa, cada menor ou mentora avaliará os obxectivos acadados.
Así mesmo, a iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inclúe actividades para incrementar os contactos profesionais de cada autónomo.
Apoiar a consolidación da actividade económica das persoas traballadoras autónomas, acompañalas na adaptación ou transformación dos seus negocios ás necesidades de mercado e a situación actual, e contribuír, mediante melloras nas áreas de xestión e outras, ao incremento dos seus contactos profesionais e a súa actividade económica é, en definitiva, o reto desta iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para a que os autónomos son un colectivo prioritario.
No que vai de ano, xa activou axudas por máis de 45 millóns de euros. Destacan, entre os apoios específicos para este colectivo, o Bono Nova Oportunidade, dotado con cinco millóns de euros, con axudas de ata 10.600 euros para aqueles que desexen volver emprender tras o cese de actividade ou cambiar o sector do seu negocio; os dirixidos á promoción do emprego autónomo (12,5 millóns), que incentivan a alta como persoa traballadora autónoma e a creación de novas empresas; o Bono Autónomo (8 millóns) para axudar ao mantemento dos negocios xa establecidos; o Bono Concilia (1 millón) para apoiar a volta ao traballo da persoa autónoma mediante a contratación dunha persoa, así como o apoio no custo de servizos de coidado para menores e maiores; ou as axudas para a contratación do primeiro, segundo e terceiro traballador (1,3 millóns).