Friday 22 de November de 2024

O pleno aproba o modificativo de crédito para facer fronte ás obras da piscina da Barcala


O pleno gardou un minuto de silencio pola traxedia acaecida o pasado 5 de setembro en Carral no que faleceron 7 persoas, tres delas veciñas de Cambre

O pleno debateu sobre o modificativo de crédito proposto polo executivo local para levar a cabo dúas obras puntuais que permitan a apertura da Piscina da Barcala. A iniciativa aprobouse cos votos a favor do goberno local (UxC e PSOE), ACDC, BNG e Cidadáns. En contra votaron os edís de PP.
O modificativo de crédito proposto para a execución destas obras é de 45.000 euros aínda que se espera que o gasto das mesmas sexa inferior ao crédito reservado que, por outra banda, deberá aprobarse no pleno de mañá mércores.
O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, sinalou neste punto que é partidario de realizar un investimento maior no futuro que cambie por completo a cuberta e o sistema de impermeabilización, aínda que é consciente de que nestes momentos non é economicamente viable. Cre que durante o próximo ano poderíase estudar un novo proxecto de transformación do teitume da piscina e para iso xa ha pensa en solicitar unha nova axuda do ente provincial.

Aprobáronse, por outra banda, os festivos locais do próximo ano que se fixaron para os días 16 de agosto e martes de entroido de 2016. Ademais, nomeouse como representante do concello a Augusto Rei na EDAR BENS. E tamén se aprobou a composición de mesa de contratación na que están presentes todos os grupos municipais.

Doutra banda, abordouse na mesma sesión unha moción presentada por AcdC sobre a recuperación dos xogos tradicionais. Tratábase, segundo os concelleiros de Asemblea Cidadá de poñer en valor os xogos históricos que corren o risco de quedar no esquecemento. O goberno asegura estar de acordo coa proposta e adianta que durante a próxima celebración do Magosto en novembro en Ou Amorne, organizada conxuntamente cunha asociación, terá lugar unha serie de actividades lúdicas e xogos que serán tradicionais. Outro dos rogos tratados, presentado por Cidadáns, referente á colocación de diversos colectores de lixo, que poñen en perigo a seguridade viaria, foi encomiado polo propio equipo de goberno, que entende que é posible a mellora proposta por María José Hidalgo.