A alcaldesa recibiu hoxe en María Pita aos 35 alumnos coruñeses que cursarán o seu primeiro ano de Bacharelato en Canadá
O Salón de Sesións do Pazo Municipal de María Pita acolleu este venres o acto de recepción dos 35 estudantes coruñeses beneficiarios das Bolsas Norteamérica 2022-23, que o vindeiro ano cursarán primeiro de Bacharelato en centros educativos localizados en cidades anglófonas de Canadá, nas provincias de Alberta, Manitoba e Terranova e Labrador.
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, recibiu ás mozas e mozos que obtiveron praza tras a convocatoria de bolsas de cara ao curso que vén, e puxo en valor o programa municipal de bolsas para estadías no estranxeiro, posto en marcha no ano 2004 “e que supuxo unha iniciativa pioneira en todo o país, froito da aposta do Concello polas políticas de benestar e, de maneira especial, por unha educación que promove a igualdade de oportunidades entre as mozas e mozos dos centros educativos da cidade para que todos teñan a opción de decidir o seu futuro baseándose nas súas capacidades e esforzo”.
Desde entón, máis de 800 mozas e mozos coruñeses tiveron a oportunidade de estudar o seu primeiro ano de Bacharelato en Norteamérica, concretamente nos Estados Unidos.
Nesta edición, e a causa das restricións establecidas desde o país no contexto da pandemia, cunha sensible redución do número de visados de estudos, decidiuse estender o programa a Canadá, cun sistema educativo que comparte valores co estadounidense e destino habitual tamén para este tipo de estadías de estudos.
Neste sentido, a alcaldesa trasladou aos estudantes e ás súas familias o compromiso firme do Concello para ofrecerlles “a tranquilidade necesaria e un apoio constante durante toda a súa estadía en Canadá, que supón unha enorme oportunidade para mellorar en termos de capacidades lingüísticas, mais tamén na formación como persoas”.
O formato das Bolsas Norteamérica 2022-23
Este programa municipal de bolsas abrangue dúas modalidades: unha, de carácter total, orientada a familias que non superan os 9.000 euros anuais de renda per cápita; e outra, de carácter parcial, para familias que si exceden dita cifra, polo que o Concello asume, nestes casos, un máximo do 95 % e un mínimo do 5 % do custo total das prazas.
O obxectivo é que as alumnas e alumnos participantes, que cursarán o equivalente a un Grado 11 en Canadá e os Estados Unidos, adquiran un dominio avanzado da lingua inglesa e un coñecemento real da cultura no país de acollida.
A estadía dos estudantes coruñeses que obtiveron praza das Bolsas Norteamérica 2022-23 comezará este mes de agosto e rematará en xuño do vindeiro ano, incluíndo as vacacións escolares de Nadal e a Semana Santa