Saturday 16 de November de 2024

Feijóo anuncia un investimento de 2 millóns de euros para seguir impulsando ao máximo posible a actividade dos centros tecnolóxicos galegos


Subliña que a fórmula dos contratos-programa garante a existencia de esixentes indicadores de resultados, asegurando un financiamento estable non dependente de proxectos concretos, especialmente nos recursos humanos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou esta mañá a resolución dunha nova convocatoria de axudas que, baixo a fórmula de contratos-programa, destina preto de 2 millóns de euros aos centros tecnolóxicos consolidados, co fin de seguir impulsando ao máximo posible a súa actividade.

Trátase, segundo Feijóo, dun programa que se suma a outras liñas para empresas que esixen a contratación de centros, como é o caso do Conecta Pemes, ou as Unidades Mixtas de Innovación. Ademais, apuntou que esta actuación supón dar continuidade e reforzar a aposta do Goberno galego pola innovación como obxectivo prioritario no eido económico, dentro do compromiso por impulsar a transferencia de resultados da investigación á empresa.

Por outra banda, o titular do Goberno galego destacou que a vinculación destes acordos á fórmula dos contratos-programa garante a existencia de esixentes indicadores de resultados, asegurando un financiamento estable non dependente de proxectos concretos, especialmente no que ten que ver cos recursos humanos.

Neste senso, Feijóo lembrou que os contratos-programa encádranse no desenvolvemento da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), cuxas liñas de actuación oriéntanse á captación de financiamento, ao apoio ao talento galego, e á transferencia de resultados da investigación ao mercado.

Os centros beneficiarios dos contratos-programa
Os beneficiarios destas axudas serán os seis centros tecnolóxicos galegos que figuran no rexistro estatal: o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), con 440.000 euros; AIMEN, con 435.000 euros; o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), con 420.000 euros; ANFACO-CECOPESCA, con 320.000 euros; o Instituto Tecnolóxico de Galicia, con 207.000 euros; e a Fundación Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostebilidade Enerxética (EnergyLab), 50.000 euros.

Nesta liña, o mandatario galego salientou que as axudas ligadas a estes contratos-programa non só posibilitan o financiamento de equipamentos, investimentos ou subcontratacións, senón que resultan unha vía fundamental para a retención de capital humano mediante actuacións que facilitan a contratación, consolidación e formación de persoal investigador.

Con respecto a isto, indicou que a resolución deste ano dará continuidade ás cifras acadadas nas dúas primeiras convocatorias e que contribuíron á xeración ou mantemento de 120 postos de traballo. Deste xeito, os seis centros tecnolóxicos consolidados suman hoxe en día 760 empregos, mantendo un elevado nivel competitivo nos seus recursos humanos e materiais, e cumprindo o seu cometido no Sistema Galego de Innovación.

Os requisitos para acceder ás axudas
Por outra banda, Feijóo afirmou que os requisitos para o acceso a este financiamento están baseados en esixentes indicadores de actividade, centrados prioritariamente na capacidade para transferir resultados á empresa e, polo tanto, contribuír de maneira decisiva na competitividade e o crecemento da economía galega.

Neste sentido, explicou que os compromisos que os centros deben cumprir están condensados nun número moi limitado de criterios, pero moi intensivos (contratos e unidades mixtas con empresas, patentes, etc.), o que se debe á intención de incentivar os esforzos nas partes que xeran máis valor da actividade que levan a cabo os centros.

Os contratos-programa serán obxecto de anticipos por valor do 50% do total das axudas que sexan concedidas, permitíndolles aos beneficiarios contar cunha parte importante das axudas con antelación, o que contribúe a unha mellora da súa liquidez.

Deste xeito, a Xunta segue apostando por que Galicia conte con centros tecnolóxicos fortes e capacitados para captar e reter talento e que poidan responder de maneira competitiva ás necesidades do tecido empresarial.