Friday 22 de November de 2024

A Xunta impulsa a Guía para unha contratación pública socialmente responsable co obxectivo de fomentar a igualdade e a inclusión social no ámbito dos contratos públicos autonómicos


Feijóo subliña que se trata dunha guía pola que se deberán ter en conta criterios sociais nos contratos públicos, como a igualdade de xénero, a inclusión social e os dereitos das persoas con discapacidade, entre outros

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, sinala que o Consello da Xunta vén de aprobar un acordo para presentar e publicar a Guía para unha contratación pública socialmente responsable, co obxectivo de fomentar a igualdade e a inclusión social no ámbito dos contratos públicos autonómicos.

Segundo precisou Feijóo, este acordo supón seguir dando cumprimento a un dos obxectivos fixados na Lei de Racionalización: o de aproveitar as contratacións públicas para contribuír a obxectivos estratéxicos da Comunidade.

Como asegurou o mandatario galego, trátase dunha guía pola que se deberán ter en conta criterios sociais nos contratos públicos, como a igualdade de xénero, a inclusión social e os dereitos das persoas con discapacidade, entre outros.

Este tipo de criterios terán que pasar a formar parte das prescricións técnicas dos contratos. Ademais, como destacou Feijóo, incluirase nas obrigas do contratista que cumpra a normativa laboral e social de que os traballadores que vaian executar o contrato o farán en condicións de traballo digno e de calidade.

Do mesmo xeito, o titular da Xunta tamén destacou a importancia dos puntos que se inclúen para protexer ao persoal afectado pola subrogación, de tal xeito que a guía propón considerar que as ofertas son anormais ou desproporcionadas cando o prezo ofertado sexa inferior ao importe correspondente aos custes salariais mínimos que correspondan ao persoal suxeito a subrogación.

No eido da Igualdade, os contratos deberán incluír a perspectiva de xénero nas especificacións técnicas cumprindo as Leis vixentes, por exemplo as prescricións técnicas dun contrato que teña por obxecto a elaboración dunha campaña de publicidade debe esixir que a súa linguaxe e contido non sexan sexistas.

Esta medida súmase a varias decisións adoptadas nos últimos meses na mesma liña e que desenvolven o Plan de Mellora da Contratación Pública aprobado pola Xunta en xuño de 2014, como son a aprobación dunha guía para fomentar a autoprovisión, é dicir, para non facer con recursos alleos o que se pode facer con recursos propios da Administración; ou a aprobación da cláusula para a mellora da negociacións nos procedementos negociados, que contempla que as distintas empresas poidan coñecer logo da primeira fase as características esenciais das ofertas das súas competidoras.

Do mesmo xeito, o mandatario galego puxo en valor outras actuacións enmarcadas en dito Plan, como a priorización na contratación das persoas con discapacidade, coa reserva de contratos a centros especiais de emprego e a empresas de inserción (reserva de entre un 3 e un 5% dos contratos adxudicados no exercicio orzamentario anterior); ou o fomento da innovación na contratación pública coa aprobación, a pasada semana, dunha guía de boas prácticas.