Saturday 16 de November de 2024

O Concello sanea e mellora as zonas verdes da praza de Pontevedra


Esta actuación permitirá mellorar o mantemento e a limpeza da zona

O Concello da Coruña está a acometer diversos traballos de restauración e mellora das zonas verdes da praza de Pontevedra. Esta medida vai na liñas das executadas polo Goberno de Inés Rey en puntos emblemáticos da cidade, nos que se busca a posta en valor do patrimonio natural local.

O obxectivo é sanear e mellorar estas zonas verdes de xeito que sexa moito máis doado o seu mantemento e a limpeza diaria da zona. A actuación máis destacada está a ser a do saneamento e reformulación do parterre lateral da praza. Este elemento estaba excesivamente frondoso, o que dificultaba o traballo do servizo de Medio Ambiente. Estase retirando a cuberta arbustiva en mal estado e substituíndo por céspede con nivelación do terreo e sistema de rego por difusores. No macizo lateral incorporarase unha zona de grava e un bordo separador.

Por outra banda, o Concello tratará as árbores da praza, recortando algunhas ramas moi saíntes e saneando as ablaqueacións, moi deterioradas polo paso do tempo e o mal uso destas. O inicio dos traballos tivo lugar o pasado 4 de agosto e está previsto que estes rematen o próximo mércores 17 de agosto.