Friday 22 de November de 2024

A Feira Rural do día 27 en San Sadurniño acollerá o XVIII Monográfico Can de Palleiro


O mundo canino tamén estará representado nas exhibicións de acurrado de ovellas ofrecidas pola Asociación de Criadores de Cans Pastores de Galicia (ACAPAGAL)

Entre as múltiples actividades programadas para a Feira Rural de San Sadurniño, este ano destacan as dedicadas ao mundo canino. E é que ao longo da xornada do sábado 27 de agosto hai previstas dúas exhibicións de acurrado de gando con cans e cadelas ofrecidas pola Asociación de Cans de Pastoreo de Galicia (ACAPAGAL). Ademais, durante todo o día teremos unha exposición permanente de exemplares e das actividades que desenvove o Club Raza Can de Palleiro como entidade encargada da xestión do libro xenealóxico desta raza autóctona en perigo de extinción. Entre elas encóntranse as series anuais de concursos morfolóxicos, que pretenden recoñecer o labor das persoas criadoras, premiar os animais que máis se axusten ao prototipo por feitura e carácter e seguir dándolle difusión á importancia da recuperación da raza. Neste sentido, a leira da Cortiña será escenario do XVIII Monográfico Can de Palleiro, un clásico xa da programación da Feira Rural, que será puntuable para o Trofeo Can/Cadela de Palleiro do ano en Galicia.

A partir das 16:30h farase a revisión veterinaria e de documentación de cada animal -importante ter a cartilla sanitaria ao día- co obxectivo de poder comezar coas probas propiamente ditas a iso das 17:00h. Tal e como informa o club, admitiranse todos aqueles cans e cadelas maiores de 3 meses que conten co debido rexistro no Libro Xenealóxico da raza. As femias e machos maiores de 18 meses deberán ter a cualificación de aptitude para a reprodución.

Para apuntarse na proba, ademais de ter un can ou cadela da raza cos papeis ao día, hai que cubrir este formulario habilitado polo club, ou ben enviar un correo a candepalleiro@clubcandepalleiro.com indicando o nome do animal, o número do microchip, a data de nacemento, o sexo, a cor da capa e os datos de identificación da persoa propietaria: nome completo, nif, enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico. Eses datos tamén se poden enviar por whatsapp ao 604 074 618. Fágase pola vía que se faga, a inscrición é totalmente gratuíta e debe tramitarse antes das 12 da noite do día 23 de agosto.

Na web da entidade pode atoparse toda a información sobre o encontro que se celebrará en San Sadurniño e no que poderán participar cachorros ou moi cachorros, xuvenís e exemplares adultos, tanto machos como femias, con premios para as tres mellores posicións por clase e sexo e para o mellor exemplar do monográfico, que é puntuable para o Trofeo “Can/cadela de Palleiro do ano en Galicia”.

Exhibicións de pastoreo canino ás 12:30 e 18:30h
Aínda que polo seu carácter a raza Palleira é unha magnífica opción para alindar o gando -ademais de ser excepcional para compaña e para garda-, quizais sexa a Border Collie a máis aprezada polas gandeiras e gandeiros para axudarlle a a tornar e acurrar os seus animais.

A Border é unha raza inqueda, incansable e amiga de xogar que, co debido adestramento, alcanza unha compenetración inigualable coa persoa coidadora. Ata tal punto é así que o animal sabe perfectamente o que ten que facer en cada momento cun simple código de asubíos e miradas.

Iso será o que poderemos ver na práctica o día 27 ás 12:30h e ás 18:30h nas dúas exhibicións que ofrecerá a ACAPAGAL, a asociación de cans pastores de Galicia, que acudirá á Feira Rural para mostrarnos as habilidades desta raza manexando un rabaño de ovellas.