Friday 22 de November de 2024

Turismo de galicia asina un convenio de colaboracion coa CMAT para a potenciacion dos recursos turísticos da costa da morte


O obxectivo do acordo é contribuír á sensibilización tanto dos visitantes como dos propios veciños da zona sobre a importancia de preservar e poñer en valor os recursos naturais, culturais e enogastronómicos que teñen unha clara proxección turística co correspondente beneficio económico para a zona

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto coa delegada territorial da Xunta en A Coruña, Belén do Campo, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente da Costa da Morte Asociación de Turismo (CMAT), Eduardo Parga, para a realización de actividades de valorización dos recursos turísticos do xeodestino Costa da Morte.

O convenio constitúe unha continuación da colaboración realizada a través do Plan de Dinamización desenvolvido nesta área, levando agora a cabo actuacións que afectan ao conxunto do xeodestino, para, desta forma, potenciar este destino xa moi definido no ámbito turístico.

Nava Castro destacou que o acordo constitúe unha mostra máis da aposta de Turismo de Galicia pola coordinación interadministrativa e pediu a colaboración e coordinación entre os distintos organismos para lograr así unha xestión máis eficaz e un sector turístico competitivo e de calidade.

Segundo explicou Nava Castro o obxectivo do convenio é contribuír á sensibilización tanto dos visitantes como dos propios veciños da zona sobre a importancia de preservar e poñer en valor os recursos naturais, culturais e enogastronómicos que teñen unha clara proxección turística co correspondente beneficio económico para a zona.

A través do acordo asinado hoxe, Turismo de Galicia realizará unha achega de 80.000 euros para o desenvolvemento de diferentes actuacións que, tal como sinalou a directora de Turismo de Galicia, estarán integradas en catro liñas de actuación.

Liñas de actuación
O acordo establece as seguintes accións:

– Desenvolvemento da imaxe de marca da Costa da Morte Asociación Turística, levando a cabo unha actualización da imaxe e do logo corporativo, así como a creación dun portal web onde se recollerá a información turística do destino en tres idiomas -galego, castelán e inglés-.

– Desenvolvemento de Apps Móviles para as plataformas Ios, Android e Windows Phone, con soporte para tres idiomas con información, imaxes e vídeos da Costa da Morte e dos establecementos que conforman o destino.

– Creación das redes sociais Twitter e Facebook e mellora do posicionamento SEO e SEM en internet do destino Costa da Morte.

– Posta en marcha dun plan de comunicación do destino e das actividades que se realizan na Costa da Morte Asociación Turística e dun plan de marketing web para a difusión e estímulo da participación e a dinamización de informacións en medios de comunicación.

– Desenvolvemento dun plan de formación orientado a mellorar o sector turístico da Costa da Morte en materias de calidade, tanto no servizo ofertado coma na atención ao cliente; de innovación do tecido empresarial, a través de implantación de estratexias nas empresas turísticas; e de competitividade do destino.

Mellora dos datos turísticos do xeodestino
A directora de Turismo de Galicia sinalou que este convenio de colaboración axudará a continuar mellorando os datos turísticos deste xeodestino que recibiu no pasado ano 2014 a máis de 151 mil viaxeiros que realizaron máis de 260 mil pernoitas, cifras que supuxeron uns incrementos do 45% no caso dos viaxeiros e do 70% no que se refire ás pernoitas.

E que neste ano continúa nesta espectacular senda de crecemento ao incrementar os seus viaxeiros nos primeiros sete meses deste ano un 12,9%, en relación ao mesmo período do pasado ano, superando os 81 mil, e as súas pernoitas nun 3,2%, superando as 130 mil.