Friday 22 de November de 2024

Á venda os tickets para a “X Festa gastronómica do Porco ao espeto” que se celebrará o día 20 de agosto en Pedroso


O Concello de Narón e a Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña” de Pedroso, organizan a décima edición da festa gastronómica do Porco ao espeto. A cita será o vindeiro 20 de agosto baixo unha carpa que se instalará na pista polideportiva e dará comezo ás 21.00 horas, tal e como anunciou a concelleira de Festas, Natalia Hermida, que presentou o evento xunto con Flor Felgar, presidenta da Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña”.

Os comensais poderán cear porco ao espeto ou churrasco, acompañado por pan e patacas, bebidas, café e queimada a prezos populares. Os tickets poden adquirirse, ata o día 18 de agosto, no local social da Pombiña ata esgotar os existentes, ao tratarse de aforo limitado. Os horarios para recollida de tickets serán de luns a venres a partir das 18.00 horas, e sábado, domingo e festivo a partir das 12.00 horas.

Na xornada de celebración, ás 8.00 horas comezarán a cociñar en Pedroso o porco ao espeto, para que estea listo á hora da cea e o churrasco farase pola tarde. A xornada estará amenizada con música en directo “En Clave de Ti” e dende a organización convidaron á veciñanza de Narón e doutros concellos a acudir a esta cita gastronómica e festiva, xa consolidada na parroquia de Pedroso.

A concelleira de Festas, Natalia Hermida, agradeceu dende o concello “a labor das veciñas e veciños que participan na elaboración e organización deste evento gastronómico”.