Friday 22 de November de 2024

A Batalla Naval, con 12.000 unidades pirotécnicas, volve á enseada do Orzán


O espectáculo, que terá unha duración superior aos 20 minutos, inclúe a utilización dun total de 734 quilos de fogos pirotécnicos

A Batalla Naval terá lugar no Paseo Marítimo este domingo, a partir das 23.30 horas

Este próximo domingo, a partir das 23.30 horas, a Batalla Naval volverá á enseada do Orzán tras dous anos e o fará cun espectáculo de máis de vinte minutos de duración no que se queimarán 734 quilos de fogos pirotécnicos.

Como é habitual, dispoñeranse dúas zonas de disparo dos fogos. A principal estará situada na coiraza das Escravas, desde onde se lanzarán máis de 8.000 unidades pirotécnicas, cun peso de case 611 quilos. A segunda zona de disparo será a do Matadoiro, onde os máis de 123 quilos de fogos pirotécnicos permitirán o lanzamento de case 4.000 elementos.

En total, en algo máis de 20 minutos serán case 3.900 disparos, nos que se utilizarán 12.000 unidades pirotécnicas que cubrirán o ceo da Coruña e a auga do Orzán e Riazor, coa combinación de fogos acuáticos e aéreos.

O espectáculo desenvolverase en 15 diferentes fases de disparo, cunha duración aproximada de minuto e medio cada unha, nunha proposta que a empresa encargada definiu como orixinal e impactante.

Para iso utilizará tecnoloxía de vangarda, tratando así de aproveitar os últimos avances nesta materia para innovar e tratar de conseguir a complicidade das miles de persoas que se concentrarán no paseo marítimo e nas praias para seguir o espectáculo.

Desta maneira, e tras o intervalo de dous anos provocado polas restricións sanitarias, as Festas de María Pita recuperan un dos seus actos máis multitudinarios e espectaculares.

A xornada complementarase ao longo do día con diversos concertos en diferentes escenarios, como a praza de Azcárraga, o Campo da Leña, a Fundación Luis Seoane, A Cormelana e o Castelo de San Antón. Ademáis, ás 20.00 horas, na praza de María Pita, terá lugar a clausura do Festival Internacional de Folclore.