Friday 22 de November de 2024

O Concello das Somozas instalará 141 bases de contedores para mellorar o servizo de recollida selectiva de lixo


• O proxecto, que xa foi adxudicado e que conta cun orzamento de 62.534,69 euros, permitirá crear unha ubicación segura, axilizar a recollida e evitar problemas de caídas.

• Esta actuación está financiada a cargo do Fondo de Compensación Ambiental.

O Concello das Somozas adxudicou un proxecto para instalar un total de 141 bases de contedores en todo o municipio e mellorar así o servizo de recollida selectiva de lixo. A actuación, que conta cun orzamento de 62.534,69 euros, está financiada a cargo do Fondo de Compensación Ambiental.

Os traballos implicarán a preparación das bases e colocación de elementos de suxeición para contedores de recollida selectiva de lixo na rede viaria municipal, previa demolición do pavimento existente, acondicionamento do espazo, formación de plataforma de formigón, entubado de cuneta para facilitar o drenaxe e, por último, a instalación de anclaxes. Así, habilitaranse 57 bases para contedores de 800 litros de capacidade e 84 bases para contedores de 360 litros.

O alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, explica que “o que queremos conseguir con esta actuación é, por unha banda, crear unha ubicación segura e permanente para o contedor, e, pola outra, axilizar e mellorar as actividades dos servizos de recollida e evitar problemas de caídas”.

Ademais, neste contrato tamén se inclúe a adquisición e colocación de 15 bancos de listóns de madeira de 2 metros de longo con pés de fundición, para a súa colocación en paseos e áreas recreativas.