O Concello de Boqueixón vén de aprobar na Xunta de Goberno Local as bases reguladoras das axudas para entidades sen ánimo de lucro deste ano 2022. Así, destinaranse ata 16.000 euros a esta acción, sendo 1.000 euros o importe máximo que poderá percibir cada entidade.
O obxectivo principal desta convocatoria consiste en outorgar subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o financiamento de programas ou proxectos de actividades e investimentos, levados cabo por ditas entidades dentro do Concello de Boqueixón, coa finalidade de promover e dinamizar a participación da veciñanza e do tecido asociativo a favor dos intereses do municipio.
A tramitación desta subvención será integramente telemática a través da sede electrónica do concello polo que a documentación terá que vir asinada dixitalmente estando o/a presidente/a da asociación en posesión do certificado dixital de representante da entidade.
O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais a computar dende o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOP. No caso de finalizar en día inhábil, este prazo entenderase estendido ata o inmediato día hábil posterior. A solicitude será presentada polo representante legal da entidade ou persoa en quen delegue e a persoa que ocupe ese cargo terá que constar como tal no Rexistro Municipal de Asociacións.
As solicitudes terán que cubrirse nos modelos normalizados que figurarán na sede durante o prazo de presentación de solicitudes.