Saturday 16 de November de 2024

O Festival de Artes Inclusivas DiversidArte chega este sábado a Cabanas


A actuación coincide coa celebración do Mercado de Segunda Man que se celebra durante toda a fin de semana

O antigo campo de fútbol do Paseo da Madalena acollerá este sábado ás seis da tarde un espectáculo enmarcado na programación descentralizada de DiversidArte, o Festival de Artes Inclusivas da Coruña, un soporte creado para a promoción, produción e difusión da arte onde os seus principais protagonistas son as persoas con diversidade intelectual, física, psíquica e sensorial, xunto con outros colectivos en risco (ou non) de exclusión.

Está organizado pola Asociación Poten100mos, unha entidade sen ánimo de lucro que traballa polo desenvolvemento persoal e a inclusión de persoas en situación de vulnerabilidade, levando a cabo actividades destinadas á súa integración e participación dentro da comunidade cun carácter innovador e eficaz, e conta coa colaboración do Concello de Cabanas e o financiamento da Deputación da Coruña e a Obra Social “la Caixa “.

No concreto, serán os grupos Metamorfosis Percussion Artists e Ricardo Prado os que farán un espectáculo na tarde do sábado que combinará a percusión coa danza integrada, transformando o silencio en “catarse grupal”, ao son de tambores de paz, palmas e outros ritmos.

Mercado de Segunda Man

O espectáculo programado para o sábado coincide coa celebración do Mercado de Segunda Man, que se celebra o sábado e domingo no Paseo da Madalena.

As persoas interesadas en participar poderán instalar os seus postos directamente, sen necesidade de inscrición previa nin reserva de espazo, cumprindo a normativa municipal, que establece, entre outras, a necesidade de respectar os accesos ao Piñeiral e outros elementos do mobiliario urbano como bancos ou papeleiras, así como a prohibición expresa de estacionar vehículos sobre o Paseo Marítimo.

En canto a horarios, permítese a montaxe dos postos entre as 08.00 e as 11.00 horas, e a desmontaxe a partir das 20.00 horas.