A alcaldesa presidiu hoxe o acto de recepción aos grupos participantes no certame. A gala inaugural terá lugar esta tarde, ás 20.00 horas, na praza de María Pita
A Coruña acolle, desde este mércores, a 35ª edición do Festival Internacional do Folclore Cidade da Coruña, na que participarán 140 persoas pertencentes a agrupacións culturais de Bolivia, Xeorxia, Guinea-Bissau e México e que, ata o vindeiro domingo 14, achegarán á cidadanía as culturas, músicas, roupas tradicionais e folclores dos seus respectivos países.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe o acto de recepción aos grupos participantes no certame, celebrado no Salón de Sesións do Pazo Municipal de María Pita coa presenza das persoas integrantes da asociación ‘Netos de Bandim’ (Guinea-Bissau), a compañía ‘Acuarela Boliviana’ (Bolivia), a ‘Ensemble University’ (Xeorxia), a compañía de danza folclórica ‘Tierras Mexicanas’ (México) e a asociación coruñesa de coros e danzas Eidos. A rexedora, acompañada por Javier Carro, director do festival, puxo en valor o certame, “unha cita imprescindible para as coruñesas e coruñeses, así como para todas as persoas que nos visitan cada verán”. Inés Rey, subliñou, ademais, a identidade global do festival, “que ademais das costumes de cada cultura tamén se achega, polo miúdo, ás tradicións orais e á transmisión de relatos populares”.
Por outra banda, a alcaldesa amosou o seu agradecemento ao grupo de coros e danza Eidos, promotor e organizador do festival folclórico internacional, que, “durante estes 35 anos, converteu á nosa cidade nunha referencia cultural dentro e fóra de España”
O festival comeza hoxe, ás 20.00 horas, en María Pita
A gala inaugural do certame terá lugar esta tarde, ás 20.00 horas, na praza de María Pita, coa presenza de todos os grupos que toman partido no festival, un evento clásico do calendario estival da cidade desde o ano 1987.
Neste sentido, o Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña está recoñecido como integrante do Consello Internacional de Organizacións de Festivais de Folclore e das Artes Tradicionais (CIOFF) e forma parte do Circuíto Norte de Festivais deste organismo en España. Promovido pola asociación provincial de coros e danzas Eidos en colaboración co Concello da Coruña, ten como principal obxectivo achegarlle á cidadanía a cultura e folclore doutros países e durante estes 35 anos logrou que A Coruña estea presente nos organismos internacionais relacionados coa cultura popular.