O Concello de Carballo presentou alegacións ao proxecto que está a tramitar a Consellería de Economía, Industria e Innovación para a liña de alta tensión de 66 kV destinada a evacuar a enerxía xerada nos parques eólicos Monteagudo e Pedra Queimada. O proxecto prevé a construción dunha liña de 13.722 metros ao longo dos municipios de Arteixo, A Laracha e Carballo, e que no noso concello constaría dun treito soterrado de 46 metros e doutro aéreo de 1.936 metros.
O primeiro reparo do Concello de Carballo ten que ver coa afección paisaxística que suporía o trazado previsto, e nese sentido reclamamos o cumprimento das Directrices da Paisaxe de Galicia. De feito, na documentación obsérvase claramente que a liña prevista está moi próxima a outras xa existentes, polo que, segundo o informe elaborado polos servizos técnicos municipais, “deberían terse en consideración as infraestruturas existentes, ao fin de evitar duplicidade de trazados, custos e posibles afeccións e impactos sobre o territorio”.
Ademais, segundo os mapas de zonificación ambiental para enerxía eólica publicados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o trazado afecta a zonas “de sensibilidade ambiental máxima”, polo tanto non recomendadas para a implantación deste tipo de proxectos.
Na documentación remitida pola Consellería de Economía, Industria e Innovación tampouco se avalía o impacto da instalación prevista sobre o núcleo de Borrazás, malia que entre o límite do núcleo e a liña só hai 250 metros de distancia. Nese sentido, o proxecto debería ter en conta os campos electromagnéticos xerados pola liña e, en todo caso, establecer as medidas protectoras ou correctoras necesarias.
En canto á liña aérea prevista, dende o Concello de Carballo pídese que se acoute a zona de servidume nos planos do proxecto dadas as limitacións que terían as persoas propietarias afectadas para o aproveitamento deses terreos. De feito, no propio proxecto exponse que prima a seguridade das persoas, e polo tanto non sería factible realizar uso algún desas zonas e estarían limitadas incluso as plantacións.
O proxecto incumpre a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, xa que establece unha distancia de 2,2 metros para a xestión da biomasa, mentres que a lei obriga a xestionala nunha franxa de 5 metros.
Dende o Concello de Carballo tamén pedimos que se avalíen a posible afección sobre os acuíferos da zona, e os impactos dos cruzamentos da liña de alta tensión cos ríos existentes no trazado. Aínda que o proxecto non afecta a ningún elemento patrimonial incluído no catálogo do PXOM nin directamente a ningún espazo da Rede Natura, solicitamos que se teñan en consideración, por un lado, a protección dun hórreos e dous muíños moi próximos, e, polo outro, os posibles efectos sobre o espazo protexido de Baldaio, situado, aproximadamente, a 1,5 km do trazado da liña.