— O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en San Cibrao das Viñas Coinscrap Finance, que co apoio deste instrumento desenvolve un módulo de asesoramento financeiro automático que dará recomendacións aos usuarios para axudarlles na súa planificación financeira
— Resalta que en Tecnópole se vai desenvolver a primeira comunidade enerxética nun polígono empresarial de Galicia, coa instalación de 2MW de enerxías renovables para que as compañías poidan acceder a un prezo enerxético máis competitivo
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en San Cibrao das Viñas as instalacións da empresa Coinscrap Finance, que co apoio dun préstamo IFI Innova está a desenvolver un módulo de asesoramento financeiro automático que dará recomendacións aos usuarios para axudarlles na súa planificación financeira.
A Xunta pon a disposición das pemes que precisen financiamento para desenvolver un proxecto de I+D+i estes préstamos, cun orzamento para este ano de 2,5 millóns de euros, coa previsión de chegar a mobilizar 4 millóns de euros en apoios a iniciativas que desenvolvan empresas de calquera sector de actividade, especialmente as de base tecnolóxica. Os IFI Innova poden chegar ata os 500.000 euros a un prazo máximo de 12 anos con 4 de carencia, e o prazo segue aberto ata o 30 de setembro (ou ata esgotamento do orzamento). O programa enmárcase na Axenda Financeira 2022 coa que a Xunta de Galicia prevé mobilizar 400 millóns de euros este ano, contribuíndo así á reactivación económica e a mellora da competitividade do tecido empresarial galego.
Durante a visita, Conde puido coñecer de primeira man o traballo de Coinscrap, constituída en 2016 para a busca de solucións para o aforro e a planificación financeira, sinalando que “é un caso de éxito claro de como en Galicia a través da tecnoloxía e da innovación estamos respondendo aos retos de futuro”. Ademais do préstamo IFI Innova, a Xunta tamén apoia a Coinscrap mediante unha participación do 5,13% por parte de XesGalicia.
Tal e como apuntou o vicepresidente económico da Xunta de Galicia, a implantación en Tecnópole de compañías como Coinscrap axuda a consolidar a actividade empresarial do Parque Tecnolóxico, que está orientada cara a innovación e a sustentabilidade co obxectivo de captar investimentos e atraer e reter talento.
Para conseguilo, conta cun Plan estratéxico ata 2024 que pon o foco na ocupación de espazos dispoñibles; a posta a disposición de novos espazos para emprendedores e o impulso de programas de aceleración empresarial, como é o caso de Galicia Avanza, especializada na internacionalización de pemes innovadoras.
Conde sinalou que Tecnópole está a apostar tamén pola sostibilidade e o aforro e a eficiencia enerxética das empresas, e neste sentido, lembrou que no Parque Tecnolóxico se vai desenvolver a primeira comunidade enerxética nun polígono empresarial de Galicia, un proxecto mediante o cal se instalarán 2MW de enerxías renovables para que as compañías poidan acceder a un prezo enerxético máis competitivo.
Así, resaltou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, as empresas que se instalan no Parque Tecnolóxico non se atopan só cun ecosistema de innovación e tecnoloxía, senón tamén con servizos como o acceso á enerxía renovable. Conde incidiu en que é “unha aposta por Tecnópole, unha aposta por Ourense e unha aposta tamén por Galicia”, porque a presenza destas empresas “pon a Galicia como un faro de innovación, de tecnoloxía e de sostibilidade”.