— O acordo enmárcase na construción da nova planta de transferencia municipal que está a levar a cabo a Xunta sobre terreos cedidos polo Goberno local
— Trátase dunha medida de compensación orientada a financiar proxectos de utilidade pública que contribúan a mellorar o benestar e a calidade de vida da veciñanza
A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), achegará un total de 150.000 euros para contribuír a financiar as obras de acondicionamento da senda fluvial do río Mandeo ao seu paso polo concello de Curtis.
O acordo —que quedou plasmado esta mañá coa sinatura dun convenio de colaboración entre o presidente da empresa pública, Javier Domínguez, e o rexedor, Javier Caínzos— enmárcase na construción da nova planta de transferencia municipal que está a executar Sogama en terreos cedidos polo Concello no polígono industrial de Teixeiro.
Tendo en conta que os servizos que ofrecerá a futura instalación beneficiarán tamén a outros municipios próximos —como é o caso de Sobrado dos Monxes e Vilasantar— o apoio de Sogama á referida actuación no Mandeo concíbese como unha medida de compensación orientada a financiar proxectos de utilidade pública de marcado carácter ambiental que contribúan a mellorar o benestar e a calidade de vida da veciñanza. O convenio subscrito hoxe entre ambas entidades terá unha vixencia dun ano.
Unha infraestrutura con maior capacidade e eficiencia
A nova planta de transferencia que a empresa pública constrúe en Curtis grazas aos 8.000 metros cadrados cedidos polo Goberno municipal no parque empresarial de Teixeiro virá substituír á microplanta que opera nesta localidade desde o ano 2005.
A futura infraestrutura permitirá gañar en capacidade —chegando ata as 17.000 toneladas anuais—, eficiencia e funcionalidade xa que, ademais de transvasar as fraccións de residuos correspondentes ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) e ao xenérico (resto), poderá acoller tamén a materia orgánica recollida no contedor marrón. Aínda que, inicialmente, dará servizo aos concellos de Sobrado dos Monxes e Vilasantar, ademais do de Curtis, estará á disposición doutros 15 municipios.
A instalación contará cunha nave de 600 m2, unha zona verde de aproximadamente 1.300 m2, e estará equipada cun compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación con capacidade para tres contedores, un aparcamento e un edificio destinado a oficina, vestiario e almacén.
Así mesmo, e co fin de reducir a dependencia dos combustibles fósiles, alimentarase con enerxía solar, fomentando deste xeito o autoconsumo a través de paneis fotovoltaicos.
A nova instalación de transferencia de Curtis integrarase na rede de infraestruturas activada pola Xunta de Galicia para que a práctica totalidade dos concellos adheridos ao sistema de Sogama (295 en total), dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Esta rede, á que o Goberno galego destinará un investimento de 40 millóns de euros, estará conformada por 4 novas plantas de compostaxe —localizadas en Cerceda, a única xa operativa; Cervo; Vilanova de Arousa; e Verín— e outras 13 de transferencia —entre elas, a de Curtis— que contarán cunha tolva específica para transvasar a materia orgánica.