A Administración local tamén asinou recentemente un convenio coa Escola de Fútbol Irmandiños por valor de 2.500€
A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy Maceiras, e o presidente da Asociación Cultural, Deportiva e Recreativa Moeche, Roberto González Lamigueiro, asinaron hoxe martes o acordo de colaboración económica entre o Concello e a entidade para sufragar os gastos que orixinan as tarefas de mantemento e coidado do campo de fútbol e, en xeral, para o desenvolvemento das actividades e obrigas propias do equipo local. A achega municipal ascende a 4.000 euros -tal e como se recolleu nas bases do orzamento de 2022- o que supón un incremento de 1.000 euros con respecto ao ano pasado, cando a actividade do club se viu reducida ao mínimo por causa da pandemia.
O convenio ten como obxectivo colaborar nos gastos de mantemento do campo de fútbol, ademais de recoller o compromiso do Concello de se facer cargo da subministración de material (fertilizantes e outros), así como do aboamento dos gastos de luz e auga das instalacións.
A Asociación C.D.R. Moeche asume, pola súa parte, a obriga de realizar os labores de mantemento e coidado do terreo de xogo, da limpeza das instalacións utilizadas e o seu exterior, de inserir o logo oficial do Concello de Moeche en toda a publicidade e anuncios da participación da entidade na competición federada. O colectivo tamén adquire o compromiso de que en toda a súa comunicación e actividades suxeitas ao convenio se utilice a lingua galega.
O 50% do pagamento da axuda farase efectivo trala sinatura do acordo, mentres que a cantidade restante se transferirá despois da xustificación e presentación das correspondentes facturas por parte da asociación.
Convenio coa escola de fútbol
En relación coa práctica do fútbol, o Concello de Moeche tamén contribúe á actividade da Escola de Fútbol Irmandiños que agrupa a base dos concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e As Somozas e que tamén cofinancian o seu funcionamento.
Neste sentido, Beatriz Bascoy e o vicepresidente da entidade, Darío González, rubricaron a semana pasada un convenio de 2.500 euros dedicados ao financiamento da actividade da escola deportiva na temporada 2022-2023. Ao acordo engádeselle a posibilidade de utilizar as instalacións do campo de fútbol municipal da Casabranca.
A escola percibirá nestes días o 50% do importe comprometido e o outro 50% unha vez presente a xustificación dos gastos efectuados.