O proxecto O Lavadoiro é unha iniciativa piloto da Área de Igualdade da Deputación da Coruña que se puxo en marcha de maneira compartida nos concellos de San Sadurniño e Moeche baixo a coordinación da Cooperativa Arabías, coa finalidade de crear unha rede de apoio comunitario ás vítimas da violencia machista. Trala primeira etapa formativa dirixida á veciñanza -os grupos de “facilitadoras” e “aliados”- e ao persoal técnico e político dos dous consistorios, agora é o momento de que a iniciativa bote a andar de maneira autónoma incorporando cada vez máis persoas comprometidas cun novo enfoque na erradicación do maltrato. No mes de setembro, nunha data aínda por pechar, presentaranse os primeiros resultados e o denominado Pacto Comunitario, que recolle tanto ese compromiso como os xeitos de que se sosteña no tempo. Ademais, dentro de O Lavadoiro tamén se publicou material de guía e habilitouse un formulario en liña para que calquera persoa concienciada e sensibilizada con este problema social poida converterse en activista do proxecto.
Durante os últimos meses estívose traballando con formación e dinámicas conxuntas na creación dun grupo de mulleres “facilitadoras” que saiban detectar no seu entorno casos de maltrato e como facer un acompañamento axeitado para que as vítimas deixen atrás esa situación con apoio profesional.
Ademais tamén se puxo en marcha o grupo de homes “aliados” na loita contra a violencia machista, cuxo labor se centra no activismo a prol dun modelo de masculinidade que non só se opoña ao maltrato, senón que estea comprometido coa corresponsabilidade e co desterro dese machismo que poderiamos definir como “de palabra, obra ou omisión” que aínda predomina na sociedade actual.
Canda estes dous grupos veciñais, nos que xa se implicaron 15 persoas, O Lavadoiro tamén procura maior coordinación entre eles e o persoal técnico das distintas Administracións -áreas de Igualdade, Servizos Sociais, Cultura, Centros de Información á Muller, etc.-, as e os responsables políticos e outras institucións e entidades, como son a Garda Civil, os centros de saúde ou os centros de ensino.
O obxectivo último do proxecto é permanecer no territorio e seguir ampliando a súa base de “facilitadoras” e “aliados”, ademais de mellorar os mecanismos que fagan posible unha resposta inmediata, integral e integradora ante casos de maltrato e, o máis importante, avanzar na sensibilización e a prevención.
Trala fase inicial de formación para os grupos veciñais e persoal técnico e político dos concellos de San Sadurniño e Moeche, agora chega o momento de que O Lavadoiro se asente no territorio e siga o seu camiño de forma autónoma e sostida. Neste sentido, calquera persoa interesada en integrarse no proxecto como “facilitadora” ou como “aliado”, pode inscribirse a través deste formulario en liña, que permanecerá activo recollendo solicitudes de agora en diante.
Ás peticións recibidas daráselles resposta desde a coordinación da iniciativa, de cara a que as novas incorporacións se sumen aos grupos, encargados á súa vez de introducir os novos “aliados” e novas “facilitadoras” na dinámica de traballo de cada un deles.
En calquera caso, a finais ou mediados de setembro -a data está aínda por determinar- Arabías e os concellos teñen previsto convocar unha xornada de presentación dos pasos que se foron dando desde o mes de xaneiro e dos resultados alcanzados até o momento neste programa piloto. A intención da Deputación da Coruña é que a experiencia poida trasladarse a outros municipios da provincia e que o modelo sirva de exemplo para un novo enfoque que concibe o maltrato como un problema social que debe erradicarse con implicación activa de toda a sociedade, partindo da contorna máis próxima ás vítimas.
A filosofía de O Lavadoiro está condensada no denominado Pacto Comunitario, que é á vez unha folla de compromisos de todas as partes implicadas -“facilitadoras”, “aliados”, persoal técnico e responsables políticas-, pero tamén unha guía sobre o funcionamento do proxecto e o labor que desempeña cada unha delas en coordinación coas outras. Xunto co pacto tamén están dispoñibles sinxelos cadros de resume onde se describen os sinais que axudan a detectar posibles casos de maltrato, a maneira de abordalos e derivalos e os recursos dispoñibles para a atención ás vítimas, tanto mulleres como os seus fillos e fillas.