Friday 22 de November de 2024

Bergondo destina 15.000 euros para axudar aos estudantes nos seus desprazamentos


· O prazo para participar na liña de subvencións finaliza o 14 de outubro.

O Concello de Bergondo abriu hoxe o prazo para presentar as solicitudes ás convocatorias de axudas para afrontar os gastos en desprazamentos con fin escolar para o curso 2022-2023 do alumnado bergondés, para as que destina en total 15.000 euros.

Os estudantes de Bergondo contarán co respaldo económico do Concello para acudir ás súas clases. O Concello lanza a convocatoria para beneficiarse dun sistema de axudas económicas aos desprazamentos para alumnos empadroados no municipio e matriculados nun centro de ensino público que se atope polo menos a un quilómetro do seu domicilio.

A axuda ten como único criterio de concesión a distancia entre a residencia e o centro educativo de cada #concorrente á convocatoria. Así, as contías para percibir son as seguintes (contías máximas, poderían reducirse en función do número de solicitudes):

Galicia:
• De 1 a 3 km (por ex. Bergondo): ata 40 euros.
• De 4 a 15 km (Betanzos, Sada, Miño, Cambre, Oleiros, …): ata 60 euros.
• De 16 a 40 km (A Coruña, Arteixo, Ferrol, …): ata 80 euros.
• De 41 a 80 km (Santiago…): ata 120 euros
• De 81 a 170 km (Lugo, Pontevedra, Ourense, Vigo, …,): ata 150 euros.
Outras comunidades autónomas: ata 200 euros.
Programas internacionais oficiais: ata 600 euros.

As persoas que cursen estudos en máis dun centro só poderán solicitala para un deles. Poderán acollerse os estudantes empadroados no Concello de Bergondo que cursen Educación Infantil, Bacharelato, FP, Ensinos de Réxime Especial, Educación Universitaria, programas internacionais oficiais ou outros estudos oficiais homologados.

O prazo para a presentación de solicitudes xa está aberto e finaliza o 14 de outubro. Desde o Concello requírese ás persoas interesadas en beneficiarse desta subvención que, se é posible e xa que hai un prazo amplo, envíen a solicitude cando teñan definido o centro educativo no que cursarán os seus estudos.

O goberno local explica que o Concello estableceu este sistema de axudas, a cargo dos orzamentos municipais, para “apoiar aos estudantes do municipio e favorecer que dispoñan dun transporte ao menor custo posible”.