O Concello ten solicitadas na Xunta dúas pistas multideportivas, que se emprazarán no patio do CEIPP Cernadas de Castro e xunto ao campo vello de fútbol do Cruído
O Concello de Lousame continuará este ano coas obras de mellora do pavillón municipal Pilar Barreiro Senra, que a Administración Local vén desenvolvendo dende ao ano 2019 e nas que leva investidos preto de 150.000 euros. A alcaldesa, Teresa Villaverde, explica que “vimos de adxudicar unha nova fase das obras. Se o ano pasado comezamos co revestimento dunha das paredes, nesta ocasión remataremos o pavillón por completo xa que a nosa idea é ir mellorando no posible as nosas instalacións deportivas municipais”.
As obras consistirán en revestir o interior da instalación deportiva cun taboleiro de fibras de madeira de pino, despois de aplicarlle previamente dúas mans de esmalte de poliuretano e outras dúas de pintura plástica de cor branco. Esta actuación, unida ao cambio das portas interiores e a instalación dunha nova porta metálica cortalumes realizadas o pasado verán, permitirán garantir un mellor illamento térmico e acústico da instalación.
Unha cuestión importante, sobre todo tendo en conta que o pavillón municipal da Silva non alberga unicamente eventos deportivos, senón que é o punto de encontro de distintas actividades lúdicas que reúnen a centos de veciños e veciñas como poden ser a Festa de Reis, o Festival de Entroido ou os Campamentos de Verán.
Obras acometidas
Nos últimos anos, o Concello de Lousame leva investidos preto de 150.000 euros na mellora do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. Traballos entre os que figuran a limpeza manual da fachada e do chan, a retirada de elementos oxidados (sobre todo nos vestiarios: columnas das duchas –onde se instalou un temporizador axustable entre 20 e 35 segundos-, barras de suxeición do baño adaptado e, en xeral, dos elementos metálicos dos vestiarios), colocación de cámaras de seguridade, novos vestiarios para os colexiados… A maiores instalouse un cortaventos no portal de acceso á instalación, que evitará o arrefriamento do interior do pavillón, e colocáronse asentos nas gradas do polideportivo, fixados ao soporte.
Anteriormente cambiárase a cuberta existente por outra de paneis sándwich illantes, colocáronse novos canalóns para a recollida de augas pluviais e aplicouse un tratamento anticorrosivo á estrutura metálica da instalacións. Finalmente, Teresa Villaverde adianta que “xa lle temos solicitada á Xunta de Galicia unha pista multideportiva, que se instalará no patio do colexio”.