Friday 22 de November de 2024

Artistas nóveles, emerxentes e consagrados da banda deseñada protagonizan a nova edición do salón internacional ‘Viñetas desde o Atlántico’, que cumpre un cuarto de século


A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo director do Viñetas, Miguelanxo Prado, puxo en valor o carácter “interxeracional” desta cita, un clásico do calendario estival da cidade

O Kiosco Alfonso acolleu este luns a posta en marcha da 25ª edición do salón internacional de banda deseñada ‘Viñetas desde o Atlántico’, unha iniciativa promovida desde o Concello da Coruña que, desde o mes de agosto do ano 1998, reúne na cidade a recoñecidos artistas e creadores especializados en cómic e ilustración.

A alcaldesa, Inés Rey, asistiu hoxe á apertura ao público desta edición, moi especial polo contexto temporal, ao cumprirse un cuarto de século de vida desde a súa inauguración. “Isto fala da identificación da cidade co Viñetas, porque para as coruñesas e coruñeses, así como para moitos turistas que voltan á cidade nestas datas, o salón internacional de banda deseñada é parte indisoluble do noso verán”, subliñou.

Neste sentido, a 25ª edición do ‘Viñetas desde o Atlántico’, dirixida polo coruñés Miguelanxo Prado, contará coa presenza de artistas nóveles, emerxentes e consagrados, a escala nacional e internacional, nos eidos da banda deseñada asociados á novela gráfica, a animación e o cinema.

O Kiosco Alfonso exporá as mostras de creadores como David Rubín, Emma Ríos, Fernando de Felipe e Pierre Alary, así como os traballos de Jesús Alonso Iglesias, responsable da imaxe do éxito cinematográfico ‘Spiderman: un nuevo universo’. En paralelo, a sala de exposicións do Pazo Municipal de María Pita estará aberta ao público para amosar os traballos de Juanjo Guarnido e Juan Díaz Canales; e a sala de exposicións Salvador de Madariaga, coa presenza de Julia Lago e a mostra do cómic ‘María Casares: en tres actos’. Ademais, a sala de exposicións do Palexco acollerá mostras de Alicia Jarana e Borja González, entre outros, e o Aquarium Finisterrae, a mostra ‘Viñetas: a ciencia dos océanos’, dirixida por Antoni Guiral. Por último, a Torre de Hércules será o enclave no que as persoas interesadas poderán contemplar os carteis de todas as edicións do salón de banda deseñada desde a súa posta en marcha.

Unha cita ideada para todos os públicos
Inés Rey subliñou, ademais, o carácter interxeracional de Viñetas desde o Atlántico, “un punto de encontro para adultos e pequenos que, en cada edición, deixa unha semente de futuro para que as vindeiras xeracións sigan achegándose con curiosidade á referentes da literatura e o cómic”.

A edición número 25 do Viñetas desde o Atlántico estará aberta ao público desde este luns e ata o vindeiro día 14 de agosto