Igual que ocorrera coa semana central de xullo, nesta de agosto en que se multiplican as festas e propostas de lecer, os concellos promotores do proxecto de xeoparque tamén intensifican as saídas para descubrir as peculiaridades xeolóxicas da paisaxe. Desde este martes até o que vén -posterior a luns festivo- hai programadas un total de 10 xeorrutas que discorrerán na súa totalidade por paisaxes costeiras. Así, Cariño propón coñecer a zona do Limo e o estremo máis ao norte do Complexo Xeolóxico de Cabo Ortegal; Cedeira levaranos até as praias de Teixidelo, que teñen completo o cupo para as dúas próximas saídas, e ofreceranos un paseo máis doado pola contorna da Magdalena e o peirao, ademais de achegarnos á zona menos coñecida de Santo André e dos cantís máis elevados da Europa continental; Ortigueira centra as súas xeorrutas no vulcanismo testemuñado en Loiba e en Espasante; e, por último, Valdoviño, quen organiza unha andaina polos cabos e fallas do seu territorio. Ademais, a empresa de turismo activo Rutas Cedeira tamén ofrece o domingo á tarde unha nova oportunidade de admirar e descubrir desde o mar boa parte do litoral que se andará a pé nas rutas organizadas polos concellos.
Martes 9 de agosto, 10:00 a 14:00h e luns 15 de 16:30 a 20:30h: Xeorruta do Limo (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas. Esta ruta polo macizo do Limo permitirá descubrir formacións rochosas moi singulares (principalmente peridotitas), que co paso do tempo adquiren formas sumamente curiosas e rechamantes.
O percorrido discorre polos cantís máis verticais da Serra da Capelada, o que fará desta visita xeolóxica unha oportunidade única para coñecer a zona lindeira co corte costeiro de Herbeira, máis elevado pero menos pendente. Máis info e reservas aquí.
Xoves 11 de agosto, 10:00 a 14:00h: Xeorruta das Lavas (Concello de Ortigueira). Máximo 20 prazas. Esta é outra das rutas que se estrean no calendario estival 2022, relacionada cos fenómenos volcánicos que sucederon no pasado e que quedaron reflectidos nas rochas do borde norte do proxecto. Nas inmediacións da pequena vila mariñeira de Espasante atópase un excepcional conxunto de materiais que foron orixinados por erupcións submariñas hai máis de 400 millóns de anos baixo o océano Rheico. Na andaina veremos o resultado do seu enfriamento e tamén poderán ollarse estruturas xeolóxicas que evidencian a alta deformación que sufriron as rochas desta zona que hoxe é territorio de Ortigueira. Máis info e reservas aquí.
Venres 12 de agosto, 10:00 a 13:00h.: Xeorruta do Litoral (Concello de Cedeira). Máximo 20 prazas. Trátase dun trazado de 8 quilómetros que se fai sen moito esforzo nunhas tres horas (cómpre ter costume de camiñar). Sáese da oficina de turismo, visítase a praia da Magdalena e proséguese pola contorna do porto de Cedeira e parte da marxe leste da boca da ría. Nese percorrido veremos a deformación das rochas e a xeomorfoloxía mariña e fluvial. O camiño dará, ademais, para achegarse ao xacemento arqueolóxico castrexo de Punta Sarridal e para pasar polo castelo da Concepción. Máis info e reservas aquí.
Venres 12 de agosto, 16:30 a 19:30h: Xeorruta dos Cabos (Concello de Valdoviño). 20 prazas. Saíndo do miradoiro do Paraño farase un percorrido de baixa dificultade polo litoral no que veremos, entre outros fenómenos, o remate da Falla de Valdoviño que se estende ata Monforte de Lemos, ou rochas que hai millóns de anos formaban parte do leito oceánico.
No paseo guiado, o xeólogo Francisco Canosa tamén nos mostrará os restos do vulcanismo explosivo testemuñado nos penedos da praia de Pantín. O doutor en Xeoloxía explicará, ademais, como se formou a lagoa e o sistema dunar da Frouxeira, un dos máis importantes do noroeste peninsular, e cal será o seu máis que probable futuro, a imaxe e semellanza doutra lagoa similar existente no borde do areal de Pantín que hoxe é terra firme cuberta de vexetación. Máis info e reservas aquí.
Sábado 13 de agosto, 10:00 a 14:00h: Xeorruta dos Aguillóns (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas. Coñecerase de primeira man a maior concentración de ecloxitas de todo o planeta. As ecloxitas son rochas formadas en condicións de altas presións e temperaturas na parte máis próxima a nós do Manto terrestre e que, por este motivo, son difíciles de ver en superficie.
O percorrido consta de 3 paradas e o desprazamento entre elas realizarase en coches particulares. Ten unha dificultade media, debido á presenza de tramos con certa pendente, polo que é preciso levar un calzado cómodo e axeitado para ese tipo de terreos, algo que é recomendable para todas as xeorrutas do programa de verán. Máis info e reservas aquí.
Sábado 13 de agosto, 16:30 a 19:30h: Xeorruta dos Cantís (Concello de Cedeira). Máximo 20 prazas. Para a tarde do sábado resérvase un percorrido doado desde o miradoiro do Chao do Monte -preto de Santo André- para descubrirmos a Serra da Capelada, unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 m de altitude. Observaranse distintos tipos de rochas que hai millóns de anos se atopaban a 70 km de profundidade, algo que podemos ver en varios lugares do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, exemplo único do denominado contexto xeolóxico do Oróxeno Varisco Ibérico. Máis info e reservas aquí.
Domingo 14 de agosto, 10:00h a 14:00h: Xeorruta da Praia das Areas Negras (Concello de Cedeira). PRAZAS COMPLETAS. Esta ruta xeolóxica é unha das estrelas do proxecto pola súa exclusividade -os areais de Teixidelo están considerados os únicos de area negra non volcánica do mundo- e pola posibilidade de admirar os cantís máis elevados da Europa continental desde a súa parte máis baixa, o que nos ofrece unha perspectiva espectacular da paisaxe. A ruta ten cubertas as prazas para este día e tamén para o seguinte, o día 14 de agosto. Recomendamos visitar a central de reservas nos días previos por se houbese cancelacións e quedasen vacantes.
Domingo 14 de agosto, 17:00h: Xeorruta marítima con Rutas Cedeira. Mínimo 8 e máximo 12 prazas. (50€/persoa) Ruta marítima organizada pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira. Partindo do peirao vello de Cedeira percórrese a costa do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal até Os Aguillóns descubrindo como se formaron os cantís máis altos da Europa continental e tamén outras peculiariedades da paisaxe que, vistas desde o mar, tamén cobran unha nova dimensión. As reservas deben efectuarse no teléfono 722 615 382. O prezo son 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas ao estado do mar.
Luns 15 de agosto, 10:00h: Xeorruta dos Volcáns (Concello de Ortigueira). Máximo 20 prazas. Trátase dunha andaina duns 7 quilómetros de dificultade media que nos levará ao extremo leste do territorio incluído no proxecto de xeoparque. Descubriremos a violenta actividade volcánica de hai arredor de 470 millóns de anos que quedou fixada nas rochas da praia do Picón e dos cantís de Loiba -onde se encontra o famoso banco-. Tamén veremos os depósitos de cantos rodados que viaxaban en grandes icebergs cando o que hoxe é Galicia se encontraba preto do Polo Sur do noso planeta. Máis info e reservas aquí.
Martes 16 de agosto, 10:00 a 16:00h: Xeorruta do Granate (Concello de Cedeira). Máximo 15 prazas. Esta ruta discorre por un pequeno sendeiro de pescadores desde o Santuario de Santo André ata a enseada das Cortes, onde se observa unha ampla variedade de rochas moi rechamantes -entre elas algunhas con presenza de granates- tanto pola súa cor como pola súa textura, así como un salientable número de estruturas xeolóxicas que poñen de manifesto a intensa deformación que afectou a esta rexión hai 350 millóns de anos.
A ruta xeolóxica é das máis espectaculares de todas cantas se ofrecen pola zona. Hai que ter en conta que é un percorrido de dificultade alta, debido ao desnivel que acumula e á presenza de tramos con pedra solta, polo que é preciso levar un calzado con bastante debuxo na suela e a poder ser que protexa os nocellos. Debido á duración da actividade tamén se recomenda levar comida lixeira -barras enerxéticas, froita ou outros sólidos- ademais de auga. Máis info e reservas aquí.