Organizará saídas todos os mércores de agosto e setembro
Inscrición aberta na primeira Ruta, con destino á Fervenza
O Concello volve a apostar polo programa de rutas guiadas “Descubrindo Neda” para dar a coñecer o patrimonio histórico, cultural e natural da localidade. Celebraranse durante todos os mércores do mes de agosto e setembro, en horario de tarde e participación gratuíta, guiadas pola técnica de Turismo Victoria Fornos. Así, as rutas arrancarán este mesmo mércores coa Fervenza como destino. O punto de encontro, ás 18 horas, será o Pazo de Isabel II, e a duración do itinerario, de dificultade baixa, é de 2/2:30 h, segundo o ritmo que se marque. As prazas están limitadas a 20, polo que é preciso realizar inscrición previa no teléfono do Albergue 682 623 335 (de 12 a 19 h) ou correo maría.fornos@neda.gal entre hoxe e mañá -ou ata completar aforo-.
O calendario do programa continuará o 17 de agosto coa Ruta do Pazo da Mercé; o 31 de agosto e 7 de setembro coa Ruta dos Muíños do Río Belelle; o 14 de setembro coa Ruta de Anca; 21 de setembro coa Ruta ao Casco Histórico de Neda, e o 28 de setembro coa Ruta ao Monte de Ancos.