Friday 22 de November de 2024

A Xunta avanza nos accesos ao novo CHUAC co inicio do proxecto de trazado


― A administración autonómica pode avanzar no proxecto, unha vez que o Ministerio de Transportes emitiu o informe favorable á alternativa viaria recollida no plan de interese autonómico, que está agora mesmo en proceso de información pública

― A Xunta garante a integración e funcionalidade dos accesos do novo Hospital Público da Coruña, unha vez analizadas ata 20 alternativas e decidindo asumir a titularidade de 3 km da avenida da Pasaxe

― Os novos viarios permitirán unha maior funcionalidade favorecendo a fluidez do tráfico e facilitando a mobilidade sostible

― A Xunta agarda que o Concello da Coruña facilite o avance do novo hospital e cumpra os seus compromisos de financiamento dos acceso e das expropiacións

― O Novo CHUAC será o maior investimento da sanidade pública galega dos últimos anos, cun orzamento previsto de 430 M€, que se elevará pola crise de prezos dos materiais

A Xunta segue a traballar no impulso do novo Hospital Público da Coruña, o Novo CHUAC, dando un paso máis na súa configuración ao comezar coa redacción do proxecto de trazado dos accesos.

A Xunta pode avanzar neste proxecto, unha vez que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana informou favorablemente sobre a alternativa viaria recollida no plan de interese autonómico, que está agora mesmo en proceso de información pública.

Estímase que a redacción do proxecto de trazado dos accesos poida estar rematado no prazo aproximado de dous meses.

A Xunta garante a integración e a funcionalidade dos accesos do novo Hospital Público da Coruña, unha vez analizadas ata 20 alternativas e decidindo, finalmente, asumir a titularidade de 3 quilómetros da AC-12 -a avenida da Pasaxe, entre a intersección coa avenida de Oza e o enlace coa AC-11 na Ponte Pasaxe- para desbloquear o desenvolvemento dos viarios.

A alternativa, elixida entre un total de 20 propostas, prevé, como solución para a conexión da AC-12 e o hospital, un enlace tipo trompeta que incorpora unha glorieta fronte ao hospital así como unha nova ponte sobre esta vía. No estudo de tráfico e mobilidade comprobouse que esta solución responde satisfactoriamente, non solo ao réxime de tráfico actual, senón ao fluxo de tráfico futuro que considera un aumento do número de usuarios e traballadores do novo hospital.

Así mesmo, habilitarase un anel perimetral en sentido horario que se cingue ao mínimo para desenvolver o edificio de investigación causando así un menor impacto social.

Ademais, proponse como medida de mellora impoñer un só sentido en avenida Lamadosa, mellorando os niveis de servizo.

Esta alternativa prevé, así mesmo, 1.400 novas prazas de aparcadoiro como mínimo e garante una maior funcionalidade e integración na paisaxe e un menor impacto social.

Fomento da mobilidade sostible
A ampliación do complexo hospitalario suporá un aumento dos actuais fluxos de transporte, tanto de persoas como de mercadorías.

Por esta razón o deseño da ampliación do hospital potencia o transporte colectivo para reducir o número de desprazamentos en turismos particulares.

Deste xeito, promoverase o uso de transporte colectivo cunha instalación para os autobuses e taxis, una zona de Kiss and Ride. Ademais disporá dunha boa conexiónm tanto para o resto de vehículos motorizados coma para os non motorizados.

Pola súa banda, no ámbito residencial fomentaranse os desprazamentos non motorizados. Para iso, os tramos de contacto coa avenida de Monserrat e a avenida de Pedralonga ampliaranse para poder construír unha beirarrúa folgada e un carril bici en coincidencia coa traza do Camiño Inglés a Santiago.

A Xunta agarda que o Concello da Coruña facilite o avance do novo hospital e dea mostras de vontade de cumprir o seus compromisos de financiamento dos accesos e das expropiacións, tal e como recolle o acordo asinado co Goberno galego.

O Novo CHUAC será o maior investimento da sanidade pública galega dos últimos anos, cuxo investimento inicial de 430 M€ se elevará pola crise de prezos dos materiais.

O novo equipamento sanitario permitirá blindar a asistencia sanitaria a medio millón de usuarios, con 255.000 m² construídos e máis de 1.500 camas, procurando os maiores estándares de calidade sanitaria e ambiental.